Proxectos

O “Álbum de Galicia” do Consello da Cultura Galega incorpora unha biografía dedicada a Casto Sampedro Folgar, investigación a cargo de Xavier Groba González

Arqueólogo, historiador, etnógrafo e primeiro director do Museo de Pontevedra

Era o noveno e derradeiro fillo dunha notábel linaxe oligarca de Redondela. Ao ronsel da póla familiar paterna –o bisavó, o avó e mais o pai foron avogados– Casto Sampedro licénciase en leis pola universidade compostelá en 1872. Tres anos despois instálase en Pontevedra. No persoal, casa con Josefa Mon Landa, pontevedresa de influente familia á vez vencellada coa do podente embaixador e ministro ovetense Alejandro Mon Menéndez. Josefa e Casto terán catro fillas e tres fillos que non deixarán descendencia. No profesional, Sampedro abre despacho no baixo da casa familiar, situada entre A Peregrina e a praza da Ferrería, e traballa para a elite económica e política con intereses na capital provincial e como avogado do Banco de España en Pontevedra…