Proxectos

A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras para piano de Andrés Gaos ‘Aires galegos’ d ‘Novos aires galegos’

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019.- A Xunta de Galicia e a editorial viguesa Dos Acordes amplían o catálogo de partituras da colección “Ars Gallaeciae Musicae” coa publicación de Aires galegos e Novos aires galegos, volume no que se recollen estas dúas pezas para piano compostas por Andrés Gaos en 1905 e 1914, editadas agora con transcrición e revisión a cargo do mestre Joám Trillo.

A colección, que ten por obxectivo recuperar e poñer en valor obras emblemáticas da música culta galega á vez que se favorece a súa divulgación e interpretación, contribúe ademais á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) cando se cumpre o 60º aniversario da morte do compositor e violinista coruñés.

As partituras foron presentadas esta tarde como o número 32 da serie “Agra Vella” da devandita colección, nun acto que tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Nel interviñeron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o editor Javier Xurado, o compositor e director de orquestra Joám Trillo, o decano Francisco Ramón Durán, e o profesor Javier Garbayo, autor dos textos introductorios que contextualizan a figura de Gaos e a súa transcendencia.

 

Un dos grandes compositores galegos

Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874-Mar do Prata, Arxentina,1959) formouse musicalmente en Galicia, Madrid e Bruxelas, e asentouse en Buenos Aires, cidade desde a que traballou como docente, compositor e concertista de violín en xiras internacionais. O seu repertorio, con máis de 70 obras, abarca música para escena, orquestral, música de cámara co violín como protagonista, para canto e piano, así como unha interesante serie de composicións para piano só, instrumento que chegou a tocar con gran perfección.

De feito, no acto de hoxe, ademais da explicación dos detalles da edición, gozouse de escóitaa dun material inédito: a gravación de tres números de Novos aires galegos, interpretados ao piano polo propio autor, nunha versión recentemente dixitalizada pola aula Gaos da USC. Andrés Gaos está considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século, cun tratamento post-romántico de temas propios ou tomados da música popular galega, española e arxentina.

 

Música clásica, contemporánea e para banda

Nada en 1992, “Ars Gallaeciae Musicae” pasa a publicarse desde 2006 en réxime de coedición con Dos Acordes, á vez que se estrutura en tres series para dar cabida a un máis amplo abanico de títulos. Así, “Agra Vella” difunde obras asinadas por compositores galegos ou vinculados con Galicia xa desaparecidos, desde a Idade Media ata o século XX, mentres que “Agra Nova” e “Ávrego” ábrense a autores actuais e a composicións para bandas de música. En 2010, a colección foi recoñecida co Premio da Crítica-Galicia de Música pola súa “prolongada actividade investigadora e divulgativa” que, segundo sinalou o xurado do galardón no seu ditame, “enriquece o repertorio das orquestras nacionais e internacionais e potencia os novos autores”.

O novo caderno editado, que contén os cinco números de Aires galegos Op. 22 e os sete de Novos aires galegos Op.36, está xa á venda en establecementos especializados, na librería institucional en liña @de la Xunta de Galicia e a través da páxina web de Dos Acordes.