Presentación do Libro “Obras para piano de compositores galegos” (3 de xullo de 2019, 20h, Paraninfo USC)

Presentación do Libro “Obras para piano de compositores galegos” (3 de xullo de 2019, 20h, Paraninfo USC)

PRESENTACIÓN DO LIBRO “Obras para piano de compositores galegos”

Mércores, 3 de xullo de 2019, 20 horas

Paraninfo, Facultade de Xeografía e Historia, USC

 

O vindeiro 3 de xullo de 2019, ás 20 horas, presentarase o libro “Obras para piano de compositores galegos” no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Esta publicación forma parte dos resultados obtidos polo grupo de investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido por Carlos Villanueva e Javier Garbayo e que conta co auspicio doMinisterio de Economía e Competitividade.

 

Trátase dun caderno de partituras editado coa finalidade de que os pianistas, tanto profesionais como estudantes de conservatorio, poidan contar cun corpus de obras realizadas por compositores galegos. Publícanse nel, 12 obras para piano de 10 músicos galegos que foron compostas ao longo dun século, dende mediados do s. XIX ata a metade do XX, e que forman parte do repertorio que habitualmente se coñece como música de salón. A variedade de autores, xéneros e procedencia xeográfica (de diferentes cidades tanto da Galicia interior como Exterior ou emigrada) permiten apreciar a variedade e calidade da literatura pianística da época.

 

O acto será presentado por Francisco Durán, decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, director do Departamento de Historia da arte, Montserrat Capelán, coordinadora do libro e, Laura Touriñán e Joám Trillo, quen fixo parte das transcricións presentes no libro. A presentación terminará cun pequeno concerto en que os pianistas e musicólogos Nelly Iglesias e Afasto Amoedo interpretarán algunhas das pezas incluídas na publicación, na que eles tamén participaron como editores. O repertorio que se escoitará será o Preludio en re menor de Eduardo Rodríguez-Losa e Un recordo e Romance de José Baldomir.