Simposio 2014 – Said Armesto

Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871 – Madrid 1914) é o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa e continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático (Indalecio Armesto ou Jesús Murais). Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os 10 primeiros intelectuais que se convocaron en 1905, baixo a presidencia de Manuel Murguía, para a constitución da Academia Galega. Xornalista, folklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.), pero as súas tendencias e orientacións, en principio de fondo contido social e político, van afastándose da realidade diaria, refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico.

 

Non é, pois, estraño que a máxima preocupación dos seus derradeiros escritos se concentre na procura da relación de contos e romances galegos, que durante toda a súa vida recolleu, co amplo repertorio do ciclo francés e bretón sobre Tristán, o Grial, Perceval, etc. Said probará ese mesmo modelo, identitario, pasadista e esencializador de tradicións, na súa ópera La flor del agua, con música de Conrado del Campo, obra que sintetiza a estética, a didáctica e a ideoloxía deste poderoso pensador galego falecido en xullo de 1914, cando aínda resoaban os aplausos á súa obra, considerada para moitos como renovadora para a escena española.

Accede aos contidos das nosas publicacións para a súa visualización online e descarga