Proxectos

Afundación acolle na Coruña unha exposición que rinde homenaxe á vida e obra do compositor galego Andrés Gaos

A mostra ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’ poderase visitar ata o 14 de decembro.

A sede de Afundación na Coruña acollerá ata mediados do mes de decembro unha exposición que rende homenaxe á vida e obra do compositor galego Andrés Gaos, de cuxo falecemento se cumpren 60 anos en 2019. Baixo o título ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’, a mostra, organizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e comisariada polos profesores desta institución Montserrat Capelán e Javier Garbayo, está formada por numerosos obxectos e materiais conservados no Fondo Gaos, doado recentemente á USC pola familia do compositor.

A exposición abarca a completa personalidade de Gaos, neste ano 2019 denominado ‘Ano Gaos’ en que se cumpren 60 anos do seu falecemento, desde a súa vertente como intérprete, compositor e director. Trátase, segundo os comisarios da mostra, dunha “oportunidade perfecta” para achegar a figura do compositor e “dar a coñecer partituras ata o de agora descoñecidas”.

A mostra foi presentada este martes pero a súa inauguración será este xoves 10 de outubro. Poderase visitar ata o 14 de decembro, de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h, e sábados e festivos de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Aínda que haberá que esperar ata o xoves para ver esta exposición, as actividades no marco desta mostra comezan esta tarde con ‘O violín restaurado de Andrés Gaos’, un concerto a cargo do pianista Julio Mourenza e do violinista Florian Vlashi, quen fará a súa interpretación cun violín de finais do século XVIII que foi utilizado por Gaos no seu momento.