Proxectos

Carlos Villanueva, un musicólogo na idade xubilosa

O profesor Carlos Villanueva Abelairas, catedrático de Hª da Música da Universidade de Santiago de Compostela, xubílase ao acabar este curso 2019-2020. Pensamos que se trata dunha xubilación con xúbilo (dous conceptos da mesma raíz) por polo menos tres motivos. O primeiro ten que ver coa súa longa e espléndida traxectoria como profesor universitario, musicólogo, músico e xestor. O segundo porque, sendo persoa moi familiar, gañará tempo para a súa vida privada. E o terceiro, ao noso xuízo, pola curiosa coincidencia de que precisamente fai tan só uns días foille concedido o prestixioso galardón Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Este premio é unha iniciativa do amplo conxunto de universidades de todo o mundo que se unen baixo a etiqueta “Grupo Compostela” e a Xunta de Galicia. O premio está dotado, ademais de con unha cantidade en metálico, cunha cuncha de ouro que xa nos indica o seu perfil e os seus intereses, pois tal elemento é un dos atributos imprescindibles na imaxe do peregrino. As bases aclaran os méritos que se valoran cada ano e que determinan a concesión a “unha persoa ou institución destacada polo seu labor en favor da unidade europea, a preservación do patrimonio cultural do Camiño de Santiago e dos seus valores, símbolo e orixe da creación do concepto de Europa”.