Proxectos

Homenaxe a Andrés Gaos na voz da mezzosoprano Marta Infante

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este mércores, 17 de abril, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre valenciano Rubén Gimeno, que substitúe ao director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que tivo que cancelar a súa participación neste concerto por enfermidade. O programa, titulado “Á memoria dun anxo”, é unha homenaxe ao compositor e violinista galego Andrés Gaos (1874-1959), coincidindo co 60º aniversario do seu falecemento e no marco dos actos conmemorativos do “Ano Gaos 2019”, que promove a Universidade de Santiago. O concerto comezará con Impresión nocturna, que compuxo para a Exposición Internacional de París en 1937. Os músicos interpretarán ademais a súa obra Temporal, encadrada dentro do nacionalismo musical arxentino, do que Gaos foi un dos seus principais representantes. As cancións de Gaos na voz da mezzosoprano Marta Infante A orquestra achegará ao público algunhas das cancións máis populares de Gaos, orquestradas polo compositor Joam Trillo para esta ocasión. Así, soará Rosa de abril, a súa última composición, baseada nun poema galego de Rosalía de Castro, na que o músico mostra o recordo da súa terra natal, a pesar de que xa facía máis de sesenta anos que emigrara a Arxentina. A continuación escoitaranse catro das súas cancións francesas: Au point du jour, A rose, Fleur morante e Premier printemps!. Estas cancións serán interpretadas pola mezzosoprano catalá Marta Infante. Realizou estudos superiores de Canto na Universidade de Ostrava (República Checa) e desde o inicio da súa carreira profesional céntrase no campo da música sinfónica, con atención especial á música antiga. Cantou en numerosos países europeos e nas principais cidades de Sudamérica, Oriente Medio e Xapón. Ademais, o programa inclúe a Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis do británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958), denominada así en alusión ao autor orixinal da melodía principal na que se basea, Thomas Tallis, un dos compositores de música sacra máis importantes do século XVI.
Birgit Kolar toca un violín de 1723 A cita concluirá co Concerto para violín “Á memoria dun anxo” do austríaco Alban Berg (1885-1935), estreado póstumamente en Barcelona en 1936. A obra está dedicada a Manon, a filla da compositora Alma Mahler, falecida cando só contaba dezaoito anos. A obra expresa a candidez da homenaxeada e as sucesivas expresións orquestrais supoñen o contraste como símbolo da proximidade da morte. O concerto será interpretado pola violinista austríaca Birgit Kolar, en lugar de Ye- Eun Choi, que tivo que cancelar o seu participacón debido a un accidente. Kolar comezou a estudar violín aos seis anos. Con posterioridade entrou na Universidade de Música de Viena e continuou a súa formación en Lucerna, Londres e Viena. Ofreceu concertos como solista en varios festivais de Europa, Xapón e Sudamérica. Entre 1999 e 2008 tocou con membros da Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera e do Cuarteto de Cordas de Múnic. No ano 2009 fundou, xunto a membros da Filarmónica de Viena e da Sinfónica de Viena, o Seraphin Quartett Wien.
Kolar foi concertino da Orquestra Bruckner de Linz, da Orquestra Sinfónica de Viena e ata 2005 da Orquestra da Radio de Múnic. Como concertino foi convidada a varias orquestras europeas, tocando con regularidade coa Orquestra Filarmónica de Viena. Entre 2003 e 2009 foi docente na Universidade de Música de Viena e en 2011 na Universidade de Arte de Graz. Toca un violín Carlo Bergonzi ( Cremona, 1723) da colección de instrumentos propiedade do Banco Nacional de Austria. Charla previa co director Rubén Gimeno, a violinista Birgit Kolar, o compositor Joam Trillo e a investigadora do “Ano Gaos” Montse Capelán Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co mestre Rubén Gimeno, a violinista Birgit Kolar, o compositor Joam Trillo e a investigadora do “Ano Gaos” da Universidade de Santiago Montse Capelán, ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que a RFG promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto. Gimeno foi Director Titular da Orquestra Simfònica do Vallés desde 2009 ata a tempada 2015-2016. Así mesmo, foi Director Artístico da Nova Orquestra da Sinfónica de Galicia durante seis anos, labor que compaxinou co posto de violinista da Sinfónica de Galicia. Como director invitado colaborou con boa parte das orquestras españolas e fóra das nosas fronteiras dirixiu importantes agrupacións en Europa, América e Asia. Obtivo o Máster en Dirección de Orquestra na Universidade de Maryland. Con posterioridade estudou no Conservatorio de Estocolmo, onde obtivo o Diploma Superior en Dirección de Orquestra e formouse con mestres da talla desa- Pekka Salonen