Proxectos

O violín restaurado de Andrés Gaos (Concerto: luns, 1 de abril de 2019 ás 19h.).

Concerto. Luns, 1 de abril de 2019 ás 19:00 horas
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n 15705
Santiago de Compostela
A escusa do Ano Gaos que celebramos non é outra que a de poñer en valor a vida e a obra dun dos grandes compositores galegos do século pasado, nun ano, o 2019, no que se conmemoran os 60 anos do seu falecemento; é tamén unha homenaxe á súa familia –especialmente ao seu fillo, Andrés Gaos Guillochón–, que honrou a cidade de Santiago e a Universidade de Santiago coa doazón do fondo do seu pai que celosamente ordenou e catalogou ata a súa morte. O Consello da Cultura Galega comprácese en colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela, impulsora da conmemoración, neste acto de homenaxe, reivindicación e memoria.
O fondo Gaos atesoura un inxente material novo: partituras, borradores, correspondencia, críticas, programas, fotografías, dedicatorias e dous violíns que Gaos usou, un dos cales escoitaremos hoxe en rigorosa estrea tras a súa restauración, e que se suman aos dous violíns depositados no Concello da Coruña. Todos eles se volverán atopar na exposición “O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959)”, que mañá se inaugura no Colexio de Fonseca.
O violín que hoxe tocará Florian Vlashi é un modelo alemán de finais do século XVIII da contorna da escola de Mittenwald e que revela a influencia dos modelos da familia Klotz. Atopábase moi deteriorado polo paso do tempo e a falta de mantemento, polo que se procedeu á súa restauración, propiciada pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Consello da Cultura Galega. O violín foi entregado ao luthier Xosé Catoira hai un ano, quen levou adiante un proceso integral de rehabilitación seguindo as correntes e técnicas máis avanzadas neste campo. O proceso tivo un obxectivo claro, realizar unha intervención absolutamente respectuosa co instrumento orixinal co fin de devolver o violín ao estado en que debeu tocalo Andrés Gaos a finais do século XIX, levando a cabo as actuacións necesarias para que poida volver a soar nas salas de concertos actuais. Esta será a primeira vez que o violín soe logo de décadas de silencio, polo que nos atopamos ante unha oportunidade única de sentir os acordes, tal e como os interpretou no seu día Andrés Gaos.