Proxectos

Voces Ceibes. A historiadora Sheila Fernández Conde presentou o seu traballo de investigación sobre este movemento

O reitor Antonio López xunto co presidente do Consorcio de Santiago, Martiño Noriega, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, presentaron este mércores 27 o libro Agora entramos nós. Voces Ceibes e a canción protesta galega, do que é autora Sheila Fernández Conde.

O 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, un grupo formado por varios mozos estudantes en Compostela ao que chamaron Voces Ceibes daba o seu primeiro recital. “O que pasou antes e o que veu despois está contado nas páxinas deste libro”, explica na súa introdución Sheila Fernández.

A obra a presentar recolle a memoria de doutoramento defendida pola súa autora na USC baixo a dirección do catedrático de Historia a Música Carlos Villanueva. Neste senso, o volume mergúllase nun “intre histórico de aniquilación das liberdades que requiría a toma de posesión de espazos, vía na cal a canción converteuse nunha arma cargada de futuro”. Neste senso, Fernández Conde deixa constancia no seu libro de como “a música permitiu que unha loita que xa esmorecía tomase novos folgos, xa que, entre outras cousas, substituía todo aquilo que non se podía cumprir no terreo público: a canción substituía o mitin”. A obra é unha coedición co Consorcio de Santiago e a Xunta de Galicia as que se se suman tamén o apoio material da Fundación 10 de Marzo.