A USC presentou á súa comunidade o Fondo Andrés Gaos – Boletín USC

A USC presentou á súa comunidade o Fondo Andrés Gaos – Boletín USC

O reitor Juan Viaño presidiu este martes no Paraninfo o acto académico de presentación do Fondo Andrés Gaos, doado recentemente á USC polo seu fillo, Andrés Gaos Guillochón. O fondo do recoñecido compositor e violinista quedará depositado na Biblioteca América para o seu estudo e divulgación.

A pesares do seu talento e de todos os recoñecementos que recibiu, Andrés Gaos (A Coruña, 1874–Mar de Prata, 1959) pasou a ser un gran descoñecido na súa terra a mediados do século XX ata que hai unhas décadas o director da banda coruñesa, Rodrigo Santiago, recuperou e interpretou gran parte da súa obra, e o investigador e músico Ramiro Cartelle fundou a Asociación Musical Andrés Gaos e foi artífice da doazón á cidade da Coruña de parte do arquivo do compositor así como de dous violíns.