A USC recibe o violín pertencente a Andrés Gaos logo da súa restauración

A USC recibe o violín pertencente a Andrés Gaos logo da súa restauración

A USC recibiu este venres 15 o violín do século XVIII incluído no legado do compositor e violinista coruñés Andrés Gaos, e que a partir de agora permanecerá custodiado na Biblioteca América da USC logo do proceso de restauración realizado pololuthier Xosé Catoira. Trátase dun violín alemán da contorna da escola de Mittenwald, que revela a influencia dos modelos da familia Klotz, e que se atopaba moi deteriorado polo paso do tempo e a falta de mantemento. Logo de entregalo á USC para a súa custodia, Xosé Catoira someteuno hai un ano a un proceso integral de rehabilitación seguindo as correntes e técnicas máis avanzadas neste campo.

O instrumento recibiuno o reitor Antonio López nun acto celebrado no Colexio de San Xerome ao que tamén acudiu o propio luthier, actuando como testemuñas do acto a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a directora da Biblioteca Xeral, Mª Isabel Casal; así como membros do grupo Organistrum da Área de Musica da USC que están coordinando os numerosos actos a celebrar ao longo de 2019 en homenaxe ao compositor e violinista galego.

Como sinala Xosé Catoira, o proceso de restauración tivo como obxectivo claro “realizar unha intervención absolutamente respectuosa co instrumento orixinal” co fin de “devolver o violín ao estado en que debeu tocalo Andres Gaos a finais do século XIX, realizando as actuacións necesarias para que poida volver a soar nas salas de concertos actuais”.

Paralelamente á finalización do proceso de restauración realizado en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), e dentro das actividades conmemorativas do Ano Gaos 2019, en breve entregarase o instrumento ao violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Florian Vlashi para a preparación dun concerto a realizar na sede do propio CCG o día 1 de abril no que estará acompañado polo pianista Julio Mourenza e no que interpretarán a ´Sonata para violín e piano’ e a ´Romanza´ do músico coruñés.

Logo desta actuación, o violín pasará a integrarse na exposición ‘O Universo Musical de Andrés Gaos’ cuxa inauguración está prevista para o 2 de abril no Colexio de Fonseca. Esta é unha mostra conformada fundamentalmente por numerosas pezas descoñecidas ata o momento procedentes do Fondo Andrés Gaos, doado á Biblioteca América polo fillo do músico, Andrés Gaos Guillochón. O violín restaurado será exhibido ao carón dun violín de Federico Loechner, que tamén pertenceu a Gaos e que tamén se custodia na USC así como o Gavatelli e o violín Moor-Gaos, cedidos polo concello da Coruña. A mostra trasladarase igualmente á Coruña, onde se poderá visitar durante os meses de outubro e novembro na sede da AFundación.

Nos actos do Ano Gaos 2019 colaboran coa USC, Afundación, a Corporación de Radio Televisión de Galicia, os concellos da Coruña e Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.