Carlos Villanueva Abelairas, XXIV Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

Carlos Villanueva Abelairas, XXIV Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

O xurado do XXIV Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia decidiu outorgar o galardón ao músico, musicólogo e catedrático da USC Carlos Villanueva Abelairas pola súa “prolífica traxectoria no estudo da cultura xacobea e da música vencellada ao Camiño de Santiago, así como a súa relevante contribución no proxecto de construción dos instrumentos do Pórtico da Gloria” da catedral da capital galega.

Ao comunicarlle a decisión, o premiado declarou que era unha honra recibir este recoñecemento “ás portas da xubilación” e que agarda aproveitalo coa “intensidade que deparará o próximo Ano Santo”. Neste senso, explicou que “como catedrático de Música da USC e cunha liña de investigación afín aos obxectivos do Grupo Compostela de Universidades”, no 2021 tratará “de estender por algunha das universidades asociadas o interese pola música no Camiño de Santiago e os instrumentos vencellados á peregrinación. Todo elo seguindo a base metodolóxica do proxecto dos instrumentos do Pórtico da Gloria, codirixido co profesor José López Calo, e contando co apoio da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos da USC e a rede de colaboradores do Grupo Organistrum”.

A cerimonia de entrega do galardón será telemática e está prevista para o 21 de setembro no marco da XXVI Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano organizará a Universidade do Minho en Portugal. Nesta cerimonia entregaráselle unha cuncha de ouro, emblema do Grupo Compostela de Universidades, e un premio en metálico de 6.000 euros brutos.

Traxectoria

Carlos Villanueva Abelairas é catedrático de Música da USC dende o ano 2000. As súas primeiras liñas de investigación céntranse principalmente na interpretación da música antiga e os instrumentos medievais, e máis adiante na crítica musical, a música española e latinoamericana do século XX, as músicas e exilios, e a música e identidades.

Ademais, as súas publicacións relacionadas cos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela son referentes na musicoloxía internacional e foi codirector do proxecto de construción dos instrumentos deste espazo, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza e desenvolto entre 1990 e 1994. Co obxectivo de dar difusión internacional a este proxecto, levou a cabo xiras por todo o mundo e realizou numerosas gravacións co Grupo de Cámara da Universidade de Santiago de Compostela, recoñecido internacionalmente pola súa especialización en Música Antiga. Con este grupo, que dirixe desde 1977, gravou dez discos e contribuíu á divulgación do repertorio musical español dos séculos XII ao XVII no eido internacional.

Xurado

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén Barcala; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; O reitor da USC, Antonio López Díaz; o reitor da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega; e o reitor da Universidade de Málaga, José Ángel Narváez Bueno integraron o xurado desta XXIV edición do premio.



Accede aos contidos das nosas publicacións para a súa visualización online e descarga