Carlos Villanueva e Javier Garbayo presentan hoxe o libro “Obras para piano e compositores galegos” – Compostela24horas

Carlos Villanueva e Javier Garbayo presentan hoxe o libro “Obras para piano e compositores galegos” – Compostela24horas

O grupo de investigación Organistrum da USC, dirixido polos profesores Carlos Villanueva e Javier Garbayo e con auspicio do Ministerio de Economía, presentará este mércores 3 de xullo o libro Obras para piano de compositores galegos, que recolle parte dos resultados de investigación obtidos por este equipo. A presentación do volume celebrarase nun acto no Paraninfo da Universidade a partir das 20.00 horas.

Trátase dun caderno de partituras editado coa finalidade de que os pianistas, tanto profesionais como estudantes de conservatorio, poidan contar cun corpus de obras realizadas por compositores galegos. Publícanse nel doce obras para piano de dez músicos galegos que foron compostas ao longo dun século, desde mediados do XIX ata a metade do  XX, e que forman parte do repertorio que habitualmente se coñece como música de salón. A variedade de autores, xéneros e procedencia xeográfica (de diferentes cidades tanto da Galicia interior como exterior ou emigrada) permiten apreciar a variedade e calidade da literatura pianística da época.