O Concello de Redondela organiza o seu primeiro ciclo de piano

O Concello de Redondela organiza o seu primeiro ciclo de piano

Desta maneira poñerase en valor o novo piano cun programa e repertorio de alta calidade, que combina tanto a participación de recoñecidos pianistas como do alumnado do conservatorio municipal. O ciclo de Redondela está pensado de maneira distinta aos que se fan nos arredores. Este é un programa dedicado os grandes compositores da música galega, non sempre coñecidos nin debidamente recoñecidos polo público de Galicia. Por iso queremos desde Redondela que cada edición do ciclo de piano estea centrada en músicos de relevancia para a historia musical do noso pobo, que favorezan a súa divulgación (biográfica e musical) entre o público.
Neste sentido, a figura que inaugura esta primeira edición é Marcial del Adalid, un dos pioneiros na introdución do romanticismo musical en Galicia e no resto de España. Ademais, Adalid mostrou un claro compromiso coa música tradicional galega e coas cantigas populares, como se observa en Cantar vellos e novos de Galicia (1877), que inclúe a musicalización de textos en lingua galega da súa compañeira, Fanny Garrido.
Para saber máis de Adalid e de Fanny Garrido, da súa contribución á música galega e universal, contaremos coa participación de especialistas de primeirísimo nivel. O programa se iniciou o xoves 3 de outubro, coa inauguración dunha pequena exposición dedicada a Marcial del Adalid, que estará todo o mes de outubro na entrada do Multiúsos da Xunqueira. Contará con fotografías e obxectos de época. O venres 4 de outubro Juan Durán impartiu unha conferencia na Casa da Cultura co título “Marcial del Adalid. O iniciado do sinfonismo galego”. Juan Durán é premio da Cultura Galega, 2013; premio Reina Sofía de composición 2018; compositor con obras en galego interpretadas en todo o mundo; e un dos responsables da reconstrución e edición da ópera de Marcial del Adalid “Inés e Bianca”. O 18 de outubro concerto de Javier Ares e Jorge Briones, o 20 de outubro concerto de Afasto Amoedo e Susana de Lorenzo, e por último o 25 de outubro concerto de Paula Ríos.