O legado de Andrés Gaos, na sede de Afundación de A Coruña

O legado de Andrés Gaos, na sede de Afundación de A Coruña

Quizais non saibas exactamente quen é Andrés Gaos. Pero este ano celébrase o 60 aniversario do falecemento deste ilustre músico coruñés. Director de orquestra, intérprete, profesor e, sobre todo, compositor, logrou nos anos 20 facer universal a música galega.
De aí, esta mostra: ‘O universo musical de Andrés Gaos’, unha auténtica homenaxe á súa vida e a súa obra que se poderá ver desde este xoves, 10 de outubro, na sede coruñesa de Afundación. Gaos comezou a estudar violín aos nove anos. Aos 21, emigrou a Arxentina, onde acabou por establecer a súa residencia. A súa música chegou a medio mundo: San Petersburgo, París, Berlín, Nova York, A Habana, México ou, como non, Buenos Aires son algúns dos lugares do seu mapamundi persoal.
A exposición está conformada polo legado do compositor, que doou recentemente o seu fillo á Universidade de Compostela, responsable do Fondo Gaos. A axuda do seu descendente foi clave para poder recuperar a memoria do compositor. Achegou partituras, cartas e todo tipo de material, como unha caixa de discos do seu pai interpretando a súa propia música ao piano.
CONCERTO CUN VIOLÍN DE GAOS
A exposición inaugúrase este xoves, 10 de outubro pero hoxe xa empezarán a soar os seus primeiros acordes. E é que poderemos oir este martes, día 8, un dos catro violíns de Andrés Gaos que se poden ver na exposición. O concerto terá lugar ás 20 h en Afundación.
O violinista Florian Vlashi. Interpretará, xunto ao pianista Julio Mourenza, varias obras do galego. O instrumento é un violín do século XVIII que foi utilizado por Gaos, coidadosamente restaurado para a ocasión. ‘O universo musical de Andrés Gaos’ poderase ver ata o 14 de decembro na sede de Afundación do Cantón Grande. A uns metros de onde naceu Andrés Gaos: un edificio, actualmente abandonado, situado no número 116 da rúa Orzán. A lona verde impide os de desprendementos deste inmoble e tamén a placa conmemorativa.