Se presenta en Historia el libro de canciones de Andrés Gaos

Se presenta en Historia el libro de canciones de Andrés Gaos

No día que se cumpren 60 anos do seu falecemento e enmarcado nas numerosas actividades do Ano Gaos 2019, o grupo de música Organistrum da USC presenta hoxe venres 15 na Facultade de Xeografía e Historia o libro “Cancións para voz e piano de Andrés Gaos”. O acto presentarao ás 19.30 horas na Aula Andrés Gaos (aula 12) o decano do centro, Francisco Durán; o editor das cancións, Joám Trillo, e a autora da introdución, Montserrat Capelán.

O libro recolle todas as cancións para voz e piano compostas polo autor, con excepción das patrióticas. Son en total 20 cancións, das que unha é galega, 9 son francesas e 10 en castelán, que van dende a súa primeira obra escrita en 1891 -cando contaba con apenas 17 anos- á última, pouco antes de falecer en 1959.

A publicación é unha boa mostra do estilo musical de Andrés Gaos Berea (1874-1959), considerado un dos mellores compositores galegos de todos os tempos, e na que se compendian as súas diferentes facetas compositivas.

Con esta presentación continúase co Ano Gaos 2019, que contará con importantes celebracións (exposicións, concertos, edicións, simposios, etc.) en diversas cidades galegas e que, por iniciativa da Universidade de Santiago, conta co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello da Coruña, Afundación, o Consello da Cultura Galega, as orquestras Filharmonia de Santiago e Sinfónica de Galicia e o Centro de Radio Televisión de Galicia; ademais do grupo Organistrum, que patrocina o Ministerio de Economía e Competitividade e a Unión Europea.

Andrés Gaos. Considerado pola prensa como un neno prodixio, aos 12 anos Gaos consegue unha bolsa da Deputación da Coruña para estudar no Conservatorio de Madrid co violinista Jesús de Monasterio. Posteriormente marcha a París e Bruxelas, onde tamén estudará composición e será alumno de Eugène Ysaÿe, coñecido como ‘o rei do violín’.

Con só 20 anos fará a súa primeira xira por América, para terminar instalándose finalmente en Arxentina en 1895, país no que desenvolverá unha importante actividade educativa (creou o seu propio conservatorio en 1904), interpretativa (como solista e co seu cuarteto), como director de orquestra (foi, por exemplo, director da orquestra que representou Arxentina na exposición de París de 1937) e compositiva.

A súa obra compositiva é ampla. Con máis de 70 títulos inclúe repertorio escénico, orquestral, pianístico, para violín, para violoncello e para voz e piano. Ademais do repertorio arxentino, como o seu Tango ou a súa Danza argentina, compuxo un importante repertorio de temática galega como a súa Muiñeira, Aires gallegos, Rosa de abril (baseada nun poema de Rosalía de Castro) e a súa famosa Sinfonía nº 2, coñecida tamén como Suite Galaica ou En las Montañas de Galicia e coa que gañou o premio da Hermandad Gallega de Buenos Aires en 1953, o que lle valeu ser considerado un dos máximos representantes da música galega.