Con motivo do XV Memorial Carlos López García-Picos, o vindeiro 19 de novembro de 2026 ás 20:00 h, o Salón Azul do Edificio Liceo de Betanzos acollerá a presentación en acceso aberto da partitura Canto do arrieiro, unha singular «cantiga de traballo» composta por Carlos López García-Picos en 1966. Editada por Editorial Beroly co patrocinio do Concello de Betanzos e a colaboración do Grupo de Investigación Organistrum da USC, esta publicación rescata a obra a través da coidada transcrición realizada polo fagotista Álex Salgueiro para instrumento solista (violonchelo ou fagot) e piano. A partitura xa está dispoñible en acceso aberto na web de Grupo de Investigación Organistrum da USC.
O acto completarase coa conferencia titulada «Correspondencia entre Xosé Neira Vilas e Carlos López García-Picos. O reencontro de dous vellos amigos», impartida polo doutor Javier Ares Espiño. Esta intervención afondará nos vínculos humanos e artísticos do insigne compositor betanceiro, ofrecendo unha valiosa perspectiva sobre o seu legado na diáspora e o seu reencontro coas raíces musicais de Galicia.