Alfonso Espiño (Santiago de Compostela, 1976) é doutor cum laude en Historia da Arte, especialidade Música, e Licenciado en Filoloxía Inglesa, ambas pola Universidade de Santiago de Compostela.
Amosando claro interés pola música popular urbana, publicou o libro Compopstela: música moderna en Santiago (1954-1978) en 2020, coedición levada a cabo polo Consorcio de Santiago e o Servizo de Publicacións e intercambio científico da USC.
Multinstrumentista e compositor, conta con varias referencias discográficas acompañado por distintas formacións e baixo o seu propio nome, entre as que destaca Vol. I (Fundación Autor, 2017). Compartiu escenario con infinidade de conxuntos e solistas, dende LaLa Brooks (vocalista de The Crystals) a The Quarrymen (banda que deu orixe a The Beatles).
Galardoado co premio Galicia Creativa 2016 (SGAE) na categoría Pop/Rock e catro veces finalista nos Premios Martín Códax da Música, tamén foi seleccionado no 2018 para representar a Galicia no Festival SUNS Europe de Linguas Minorizadas, celebrado en Italia.
Colabora habitualmente con medios de comunicación (Radio Galega, El Correo Gallego, La Voz de Galicia) ó tempo que participa en charlas e conferencias, traballos que alterna coa docencia.