Proxectos
Search
Close this search box.

Concerto da OSG con obras de Gaos, dirixido por Víctor Pablo Pérez (Revista Scherzo)

Para quen non acabe de crer na relatividade do concepto de progreso aplicado ás belas artes e, neste caso, á música; para quen o negue, máis aínda, este concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia daralle a razón desde a estética do escoitado á reacción compracida do público. Oitenta e dous anos pasaron entre a estrea de Impresión nocturna de Andrés Gaos (1874-1959) —a fermosa peza para orquestra de corda que abría o programa—, que é de 1937, e o de Cervantina de Juan Durán (1960) e algo máis de sesenta entre a Segunda sinfonía do coruñés e esta última. E, con todo, diríase que a perspectiva estética é a mesma, aínda que nun e outro caso a vista atrás debese, loxicamente, deixar contemplar moi distintos puntos de ancoraxe en cada caso: máis reducida a visión nun Gaos ao que se lle supón a súa opción; moito máis ampla en teoría nun Juan Durán que nos leva polo aire —e supoño que con sorpresa para quen non coñecese a obra anterior deste compositor vigués—, coma se nada chovese desde aqueles tempos pretéritos, ao mesmo punto de partida. Se a obra de Gaos é a dun epígono tardío do romanticismo, a de Durán nos retrotrae ao ideario estético e recuperador da Xeración da República —ecos de Joaquín Rodrigo incluídos—, é dicir, aos mesmos tempos do seu antecesor no programa, parecendo, á audición da Sinfonía nº 2 do coruñés, case contemporáneos entre si, o que non é nin bo nin malo, naturalmente. Durán, quen nunha entrevista dicía estar convencido de que o material musical está esgotado, recorre en boa lóxica en Cervantina á glosa das Folías de España e dunhas cantas pezas do noso repertorio antigo. Todo iso trabado con habilidade, bo oficio, certo efectismo e mínimo risco e moi ben exposto por Víctor Pablo Pérez, quen estreara a obra en Madrid en 2016, ano do cuarto centenario da morte do autor do Quixote.

 

O concerto pechábase coa Sinfonía nº 2 de Andrés Gaos —de 1953 pero pensada desde moito antes—, a obra máis ambiciosa do seu autor e que acaba de aparecer en edición crítica de Joám Trillo con introdución de Carlos Villanueva en AGADIC-Dous Acordes, de Vigo, con ocasión das conmemoracións do Ano Gaos. Escrita en tres movementos —no segundo deles aparece un sorprendente Scherzo—, ao raizame galego —subtitúlase Nas montañas de Galicia—, á evocación, se se quere emocionante pola circunstancia do autor, ido da súa terra tantísimos anos antes, dalgúns temas —alborada, muñeira—, únese unha moi notable pericia construtiva e esa sensación de sinceridade que non é un valor artístico pero cuxa percepción —basta un pouco de olfacto— non deixa de agradecerse cando o resultado é valioso. A Sinfónica de Galicia e Víctor Pablo Pérez levan a música de Gaos con eles desde o principio da súa andaina xuntos e iso notouse nunhas impecables versións.