O violinista Andrés Gaos (A Coruña, 1874 – Mar de Prata, 1959) será en 2019 centro importante da programación cultural universitaria compostelá, cando se cumpren 60 anos do seu pasamento e logo de que hai pouco máis dun ano a familia do compositor doase á USC o seu fondo documental xunto con dous dos seus violíns para o seu estudo e divulgación.
Como adianto do extenso programa que durante todo o ano se porá en marcha para dar a coñecer a vida e o obra do que está considerado como o maior representante da escola española de violín, este mércores 28 na aula 12 da Facultade de Xeografía e Historia inaugurouse a Aula Andrés Gaos. A continuación, no Paraninfo da Universidade, un concerto monográfico para voz e piano fixo resoar obras do compositor coruñés a cargo da mezzosoprano Iria Cuevas co pianista Alejo Amoedo.
Ábrese e anúnciase así o Ano Gaos 2019, que contará con importantes celebracións (exposicións, concertos, edicións, simposios, etc.) en diversas cidades galegas e que, por iniciativa da Universidade de Santiago, conta co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello da Coruña, Afundación, o Consello da Cultura Galega, as orquestras Filharmonia de Santiago e Sinfónica de Galicia e o Centro de Radio Televisión de Galicia; ademais do equipo de investigación Organistrum, que patrocina o Ministerio de Economía e Competitividade e a Unión Europea.