O proxecto Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1936),ten como propósito principal catalogar, analizar e valorar material musical e paramusical depositado nos fondos de arquivos e bibliotecas da nosa comunidade para o estudo da música civil. Para iso, partiuse dunha razoada selección de centros depositarios e arquivos de acordo co esquema xeral da tarefa e a metodoloxía proposta, e en relación tamén cos campos de estudo específico de cada un dos investigadores implicados.
Fronte aos resultados, variados e extensivos, que ata o momento obtivéronse obtivéronse no terreo da música sacra (catalogación musical, capelas de música, autores, ideoloxía, etc.), a música civil, pola contra, non contaba no equipo cunha investigación extensiva e coordinada, precisamente pola falta dun estudo sistemático das bases documentais dos nosos fondos que permitise a elaboración dun discurso parcelado e esixente.
As moi ricas informacións musicais contidas nos fondos hemerográficos dos centros civís, públicos e privados, da nosa Comunidade tampouco foran sometidas a baleirados sistemáticos, nin se realizou unha suficiente catalogación previa que os situase no contexto cultural do seu momento. Fíxose necesaria, pois, unha investigación de base que incluíse a sistematización de campos de procura, o coñecemento global destas fontes, a xerarquización da documentación levantada e, en definitiva, o estudo exhaustivo, ordenado e contrastado de todas esta masa documental, a fin de envorcar os resultados en bases de datos que permitisen a consulta e cruzamento de todas estas informacións. Esta ferramenta foi fundamental para o futuro da investigación emprendida polos membros do equipo, e que conduciron á redacción de varias monografías. En suma, tratouse de sentar as bases que permitisen nun futuro a medio e longo prazo, a construción dun relato global para a realidade da música civil na Galicia contemporánea; relato inexistente por aquel entón, por falta, precisamente, da documentación de base que o sostivese.
O marco cronolóxico que fixado para o traballo (1875-1936) encádrase entre a Primeira Restauración e a Guerra Civil española. A selección deste período non foi en absoluto arbitraria, senón que respondeu a varios condicionantes. Concretamente, esta franxa resulta de especial interese en Galicia onde, desde o último cuarto do século XIX, brotan unha serie de novos impulsos sociais e ideolóxicos determinantes no desenvolvemento musical da nosa cultura:
- Por unha banda, vívese o desmantelamento das institucións musicais das catedrais, o que traerá como consecuencia a entrada no mercado da música civil de artistas que ata este momento desenvolveran a súa actividade case exclusivamente dentro do terreo da música relixiosa.
- Doutra banda, asistimos a novas formulacións estéticas nas que se enfrontan, a miúdo nunha fértil síntese, un tradicionalismo fortemente arraigado en Galicia (tanto no literario como no artístico) cos elementos de renovación que entran en Europa a través das vangardas.
- Polo que respecta ao asociacionismo, do mesmo xeito que sucede no resto de España, ten lugar en Galicia o nacemento e afianzamento de sociedades e institucións de carácter civil, nas que a música tivo especial relevancia, e ao redor das cales se xerou unha importante documentación musical.
- Finalmente, trátase dun período de enorme dinamismo cultural e ideolóxico, e é un feito que, como sucede no resto das artes, os intereses, tensións e fórmulas, que caracterizan o ideario xeracional dun momento histórico, quedan recollidos nas diferentes manifestacións e xéneros da actividade musical.
O papel que a música desempeñou na difusión do Rexurdimento, as teses sobre a música popular e a existencia dunha música histórica netamente galega, a aparición do asociacionismo cultural e as súas tendencias, ademais da recepción das correntes culturais e ideolóxicas chegadas desde a capital e o resto de Europa, configuran un contexto rico en experiencias e matices; contexto onde estes factores convivirán en forma de reflexións e tensións ideolóxicas no período estudado.
Nunha primeira fase, con este proxecto a tres anos, partiuse dunha selección de centros, que se consideraron relevantes para o período histórico elixido, tanto polo seu valor intrínseco, como porque se consideraron lugares representativos desde os que poñer a punto unha metodoloxía susceptible de ampliación a outros espazos. Tamén por tratarse de espazos onde os membros do equipo de investigación contaban xa cunha vantaxosa experiencia en traballos anteriores. Foron os seguintes:
- Hemeroteca da Biblioteca Xeral da USC, nos períodos repartidos, de 1875-1900 e de 1901-1936.
- Museo de Pontevedra, e dun modo máis específico o Fondo Filgueira Valverde.
- Círculo das Artes, Arquivo Municipal de Lugo e Arquivo da Deputación.
- Arquivo Histórico Universitario e fondo da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.
En definitiva, leste foi un proxecto necesario, pola orixinalidade do obxecto de estudo; sistemático, en tanto que pretendeu un achegamento exhaustivo aos fondos estudados; actual, en tanto que o seu campo de estudo permitiu adoptar unha perspectiva ampla, que superou as marxes dun estreito documentalismo ou mesmo os dun relato excesivamente historiográfico, penetrándonos nunha praxe musicolóxica de amplo espectro na liña dos estándares de investigación máis recentes da nosa disciplina; posible, tanto polos prazos e obxectivos marcados, como por reunir por vez primeira en Galicia a un equipo de investigadores profesionais ligados a institucións de nivel superior; e finalmente, fértil, en tanto que dos seus resultados haberán de partir necesariamente os moitos traballos parciais sobre a música civil en Galicia, que haxan de vir nun futuro a medio e longo prazo.
Integrantes
Carlos Villanueva Abelairas (Investigador Principal)
Francisco Javier Garbayo Montabes
Pilar Alén Garabato
María Inmaculada Cárdenas Serván
Luis Costa Vázquez
Silvia Alonso