Proxectos
Search
Close this search box.

A Real Filharmonía de Galicia rinde homenaxe ao compositor galego Andrés Gaos no 60 aniversario do seu falecemento

A Real Filharmonía de Galicia dedicará o seu concerto semanal de abono este mércores, 17 de abril, ao compositor e violinista galego Andrés Gaos, coincidindo co 60 aniversario do seu falecemento e no marco dos actos conmemorativos do Ano Gaos 2019.

 

A batuta deste concerto, que terá lugar no Auditorio de Galicia a partir das 20,30 horas baixo o título ‘Á memoria dun anxo’, levaraa o mestre valenciano Rubén Gimeno, en substitución do director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que tivo que cancelar a súa participación neste concerto por enfermidade. O concerto comezará con ‘Impresión nocturna’, que Gaos compuxo para a Exposición Internacional de París en 1937. Os músicos interpretarán tamén a súa obra ‘Temporal’, encadrada dentro do nacionalismo musical arxentino, do que Gaos foi un dos seus principais representantes. Ademais, a orquestra achegará ao público algunhas das cancións máis populares de Gaos, orquestradas polo compositor Joam Trillo para esta ocasión.

 

Así, soará ‘Rosa de abril’, a súa última composición, baseada nun poema galego de Rosalía de Castro, na que o músico mostra o recordo da súa terra natal, a pesar de que xa facía máis de sesenta anos que emigrara a Arxentina. A continuación, escoitaranse catro das súas cancións francesas: ‘ Au point du jour’, ‘A rose’, ‘ Fleur morante’ e ‘ Premier printemps!’. Estas cancións serán interpretadas pola mezzosoprano catalá Marta Infante. A maiores, o programa inclúe a ‘Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis’, do británico Ralph Vaughan Williams, denominada así en alusión ao autor orixinal da melodía principal na que se basea, Thomas Tallis, un dos compositores de música sacra máis importantes do século XVI. A cita concluirá co Concerto para violín ‘Á memoria dun Anxo’, do austriaco Alban Berg, estreado postumamente en Barcelona en 1936. A obra está dedicada a Manon, a filla da compositora Alma Mahler, falecida cando só contaba dezaoito anos. O concerto será interpretado pola violinista coreana Ye- Eun Choi.