O fondo da obra do coruñés Andres Gaos Berea (1874-1959), no que se inclúen partituras, algunhas en manuscritos e moitas pendentes do trinque, pasasen a formar parte da “Biblioteca América” , por doazón da propia familia, para o seu estudo e divulgación, ampliándose con outras achegas do seu amplo legado, que inclúe tamén cartas, recortes de prensa, programas de man, documentación sobre as súas actividades laborais, fotografías e mesmo un apartado discográfico, e con perlas como dous violíns, un “Federico Loechner”- Buenos Aires, 1928- e outro moi deteriorado de orixe alemá, do círculo de “Mittenwald”, datado de finais do XVIII, sobre o que se realizará unha labor restauradora a través de luthiers de absoluta garantía. Veñen complementar os outros dous depositados no Concello da Coruña, un “Gravatelli” e un “E.Moor”. Entre o material cedido, grazas ao labor de Joam Trillo e de Monserrat Capelán, na súa relación continuada co fillo do compositor Andrés Gaos Guillochón, atopámonos o capítulo da correspondencia con artistas fundamentais da época: Paul Casals, Tomás Bretón, o seu mestre Jesús de Mosteiro, Jacques Thibaud, o luthier Emanuel Moor e os compositores da que foi a súa terra adoptiva, a República Arxentina, Manuel Almirall e Alberto Williams. Non faltan discursos-como o do 20 de decembro de 1937, na “Exposición Universal de París” ou documentos sobre a “Asociación Wagneriana de Buenos Aires”.
Andrés Gaos Berea sufriu unha época de ostensible ostracismo e máis aínda na súa propia terra, ata que o director da Banda Municipal Coruñesa, Rodrigo Santiago, recuperase parte da súa obra nas súas programacións. Ramiro Cartelle ampliará grazas á “Fundación Musical Andrés Gaos”, sendo artífice da doazón á cidade da Coruña, de parte do arquivo, ademais de dous dos seus violíns. Outra monografía chegounos a través de “Edicións Vereda”, patrocinada pola Deputación da Coruña e escrita por Xullo Andrade Malde: Andrés Gaos: O galego errante, do ano 2010. O musicólogo Joam Trillo, ten un papel fundamental na doazón á “UISC”, xunto a Monserrat Capelán, do equipo integrado no “Plan Nacional de Investigación do MINECO”, Fondos documentais de música nos arquivos civis de Galicia (1875-1951), que dirixen os profesores da USC Carlos Villanueva e Javier Garvayo, e que realizaron un traballo intenso co fillo do compositor Andrés Gaos Guillochón. Unha aposta cun emprazamento aproximado de dous anos, que culminarán cunha monografía, así como a recuperación de obras inéditas, ademais da prometida restauración dos violíns. 2019, será unha data clave, coincidindo cos 60 anos do seu falecemento, e que nos concita a un seminario internacional acompañado dunha exposición.
O Dicionario da Música Española e Hispanoamericana, coordinado por Emilio Casares Rodicio, coa colaboración adxunta de López Calo e Ismael Fernández de Costa, dedícalle unha entrada co seu apartado biográfico e o destinado á súa obra, lembrándonos os seus estudos con J. de Mosteiro, as clases en París con C.Dancla, e en Bruxelas con Ysaÿe (violín) e Gevaert (composición), antes de gañar a Medalla do Conservatorio (1891), que lle abriu as portas de grandes xiras. Obras súas que viñeron incorporándose aos ciclos de tempadas, son Impresión nocturna, Nas montañas de Galicia, Aires galegos e Novos Aires Galegos, ademais das súas cancións e obras camerísticas.
Tamén destacaremos a súa ópera Amor vedado, escoitada en versión de concerto no Palacio dá Ópera da Coruña, dirixida por quen era entón titular da “OSG”, Víctor Pablo Pérez, co protagonismo da soprano Marta Matheu, o tenor Albert Monserrat e o barítono José Antonio López, co coro da propia formación, e Joan Company. En programa tamén, a Fantasía para violín, de talante sombrío, na que destacou o concertino Massimo Spadano, e a Suite á antiga, para cordas, derivada das Miniaturas. Joam Trillo tivo entón a última palabra, defendendo unha iniciativa comezada na súa etapa coa “Xoven Orquestra de Galicia”, coa que puxo en atrís a Impresión nocturna, e iso lévanos a 1987. A Trillo, ata entón, debíanse máis de 15 edicións modernas de obras de Gaos. Sobre Amor vedado, comentaría que o autor permaneceu fiel durante toda a súa vida ao estilo postromántico, máis francés que alemán, que aprendeu en Bruxelas e París. A data da estrea de Amor vedado, o 8 de outubro de 2009, unha obra que se daba a coñecer por primeira vez, viña coincidir nun período aproximado con outras obras de corte lírico e autoría galega, obras como O mariscal, de Rodríguez Losada, Inés e Bianca de Marcial do Adalid e O arame de Juan Durán. Andrés Gaos Berea, revive nun futuro de seguro longo alcance.