Proxectos
Search
Close this search box.

Alejo Amoedo recupera no seu disco uha das facetas máis descoñecidas do compositor Reveriano Soutullo

O músico Alejo Amoedo recupera no seu novo disco unha das facetas máis descoñecidas do mestre Reveriano Soutullo (1880-1932): o seu repertorio de piano de salón. Editado por Dos Acordes, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, baixo o título ‘Evocación’, o disco é froito do traballo de investigación realizado por Alejo Amoedo, que interpreta ao piano as 20 composicións que o conforman.

O propio pianista Alejo Amoedo presentará mañá, ás 20:00 horas, o seu traballo nunha charla-concerto que terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e que será de acceso libre e gratuíto.

Trátase da primeira vez que se grava en CD e se comercializa a obra para piano só do compositor galego, un repertorio que se enmarca na denominada música de salón, pupularizada no século XIX e na primeira metade do XX e da que formaron parte os valses, as mazurcas, as polcas, as habaneras, as fantasías sobre temas populares de inspiración folclórica, as zarzuelas, as baladas e as elexías, entre outras.