Desde finais do pasado ano e ata que este conclúa lembrouse en Galicia, cunha serie de actos, exposicións, edicións de partituras e concertos, a figura do compositor e violinista coruñés Andrés Gaos, nacido na cidade herculina en 1874 e falecido en Mar do Prata en 1959. O pasado xoves inaugurábase na sede de Afundación na Coruña a exposición “O universo musical de Andrés Gaos”, comisariada por Montserrat Capelán e Javier Garbayo, encargados ademais, dentro do grupo de investigación Organistrum, da Universidade de Santiago, e coa importante mediación de Joám Trillo, da recepción do fondo doado á devandita universidade polo fillo do compositor Andrés Gaos Guillochón. A mostra —que poderá verse ata o 14 de decembro— recolle material manuscrito, fonográfico e iconográfico de primeira man, ademais de ofrecer á vista do visitante catro dos violíns que posuíse Gaos —discípulo de Mosteiro e Ysaÿe—, sobre todos eles o curioso —por forma e son— Moor-Gaos de 1928 e actualmente no Concello da Coruña. Co mesmo título da exposición pero en castelán publicouse igualmente o catálogo da mesma, un volume de 127 páxinas que supón unha magnífica adición, moi ilustrativa, ao imprescindible estudo sobre o violinista e compositor, Andrés Gaos, o galego errante de Julio Andrade Malde, publicado en 2010.
Como peche musical a este ano Gaos, a Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará en programa de abono, xunto a Cervantina de Juan Durán, dúas obras fundamentais do coruñés conmemorado, Impresión nocturna e a Sinfonía nº 2 “Nas montañas de Galicia”, ambas as gravadas no seu día polos mesmos intérpretes para o selo Arte Nova. Oxalá todo este esforzo sexa só o principio da normalización de relacións entre un artista e a súa patria, a súa entrada nos programas de concertos —as dúas obras citadas meréceno sobradamente— e a volta definitiva de quen, como tantos —e algúns moi próximos a el, como o seu sobriño o filósofo José Gaos, de forma ben dramática— debeu buscarse a vida lonxe.