Comezou a súa formación musical no Conservatorio Superior da Coruña onde obtivo o Título Superior de Profesora de Violín e posteriormente foi membro da Nova Orquestra Nacional (JONDE) e da Joven Orquesta da Sinfónica de Galicia.
Ampliou os seus estudos de música asistindo a cursos de composición con autores como Tomás Marco, Cristóbal Halffter ou José María Sánchez- Verdú; no campo da xestión realizou un máster en xestión cultural, diversos cursos de dirección e xestión de organizacións artísticas e culturais e sobre a propiedade intelectual aplicada á música.
Como investigadora comezou na Universidade de Santiago de Compostela (USC) realizando o seu TIT sobre o compositor galego Enrique X. Macías e posteriormente defendeu a súa tese doutoral La música en el Teatro Principal de Santiago de Compostela: 1840-1914, obtendo a calificación de sobresaínte cum laude Participou en diversos congresos e publicou varios artigos con temas relacionados, principalmente, coa música galega desde o s. XIX ata hoxe en día. Colaborou co Consello da Cultura Galega en varios proxectos sobre compositores galegos como Enrique X. Macías, Carlos López García-Picos e Mili Porta.
Actualmente é arquiveira da Real Filharmonía de Galicia, traballo que compatibiliza coa docencia na Universidade Internacional de la Rioja (UNIR), a coordinación da Comisión de Archivos de Orquestas Sinfónicas da Asociación Española de Documentación Musical (AEDOM) e é membro do equipo de investigación Organistrum da USC co que participou en diversos I+D+i.