Proxectos

José Baldomir Rodríguez

José Baldomir Rodríguez compositor, profesor e director coruñés nado en 1865 e morto en 1947, foi un dos últimos representantes da corrente tradicionalista na música galega. Herdeiro do Rexurdimento, non só non participará dos intentos de introdución da vangarda auspiciada por Jesús Bal e Gai, senón que loitará directamente contra eles.

Cultivou diferentes xéneros compositivos como o relixioso, instrumental, a canción para voz e piano e a música escénica, sendo os dous últimos aos que dedicou a maior parte do seu traballo. Destes consérvanse actualmente 25 das súas obras para voz e piano (entre as que se atopa o seu famoso Meus amores) e só una das 8 obras escénicas que compuxo: a zarzuela Santos e meigas.

Ademais da a composición, Baldomir dedicouse á dirección de orfeóns, ámbito no que desenvolveu unha importante actividade. Está á fronte do Liceo Brigantiño desde xullo de 1892 e, a partir de 1894 e ata 1897, dedícase a dirixir o orfeón El Eco, ao que volve en 1905. Como docente desempeña o seu traballo na Escola de Belas Artes da Coruña á que se postula en 1892 como profesor de piano. Desde 1912 imparte nela as clases de solfexo aplicado ao conxunto de masas corais e tamén chega a ser director interino do centro.

Entre as institucións das que formou parte está a Real Academia de Bellas Artes de A Coruña, á que pertence como membro numerario desde 1905. En 1922 é nomeado académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Foi integrante tamén de varias institucións galeguistas como as Irmandades dá fala, á que ingresa desde os seus inicios en 1916 e á Real Academia Galegaen 1941 na que estará ata a súa morte en 1947.

Montserrat Capelán Fernández