Vén de publicarse na revista de impacto Música Hodie (Brasil) o artigo titulado “Un asunto inexplorado de ámbito non soamente urbano: a música de salón en Galicia durante o século XVIII”. O autor do traballo é Javier Gándara Feijóo, investigador posdoutoral do Grupo Organistrum/iHUS (Universidade de Santiago de Compostela). Este texto, xa dispoñible open access, pode consultarse na páxina web da propia revista, editada pola Universidade Federal de Goiás e indexada en Scopus e RILM, entre outros portais científicos e bases de datos.
Javier Gándara Feijóo tamén participou recentemente como moderador/comentador, xunto coa profesora Cristina Fernandes (INET-md/Universidade Nova de Lisboa), na Oficina de Investigação CITCEM “Espaços, objetos e representações de música”. O evento, que se celebrou na Faculdade de Letras da Universidade do Porto o 24/04/2025, tivo como oradores aos doutorandos Ana Tavares, Anastasia Sazontieva e Ricardo Vilares (CITCEM-FLUP/Universidade do Porto), así como á doutora Sónia Duarte (ARTIS/Universidade de Lisboa).
Por outra parte, e con motivo do Día Nacional do Azulexo en Portugal, Javier Gándara Feijóo foi convidado polo Museu de Artes Decorativas (Viana do Castelo) para impartir o 06/05/2025 unha conferencia sobre a iconografía musical na azulexaría setecentista do antigo palacete Barbosa Maciel. A charla, que tivo lugar na propia sala que conserva os azulexos estudados, estableceu paralelismos con elementos musicais de Galicia. Todas estas actividades enmárcanse nas Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral (Xunta de Galicia), das que o mencionado investigador é beneficiario.
