Proxectos
Search
Close this search box.

Joám Trillo transcribe e revisa a ‘Sinfonía nº2. Nas montañas da Galiza’ de Andrés Gaos

Nas montañas da Galiza é a segunda das sinfonías creadas polo violinista e compositor Andrés Gaos (A Coruña, 1874-Mar de Prata, Arxentina, 1959). Escrita entre 1917 e 1919, exemplo de restauración culta, académica, das músicas populares, Gaos nunca a viu interpretada. A estrea sería o 28 de xullo de 1974 dentro das xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires co gallo do centenario do músico. Un ano máis tarde pasaría polo Teatro Colón da Coruña, dirixida por Rogelio Groba. A Orquestra Sinfónica da Galiza executaríaa en diferentes ocasións.

É agora outro compositor, o mestre Joám Trillo, quen transcribe e revisa as partituras da Sinfonía nº2 Nas montañas da Galiza. O obxecto, a súa coedición entre a editorial viguesa Dos Acordes e a Xunta na colección Ars Gallaeciae Musicae.

O volume ofrece, segundo a nota remitida polo Goberno galego, «nova información sobre a obra», e incorpora unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa cadra co Ano Gaos, declarado pola mencionada universidade no 60 cabodano do pasamento do compositor.

Andrés Gaos formouse entre a súa Galiza natal, Madrid, París e Bruxelas. Residiu durante décadas en Bos Aires, e alí tamén exerceu a docencia. Como concertista especializouse no violín. Configurou un repertorio de máis de 70 obras, entre elas a Sinfonía nº1Aires galegos, Romanza para Violino e PianoElexía para piano e violín, dedicada ao seu amigo o catalán Pau Casals ou Impresión nocturna.

Non é tampouco a primeira vez que o mestre Joám Trillo se enfronta á obra de Gaos. No seu día revisou e adaptaou pezas como a mencionada Impresión nocturnaAmor vedado ou Allegro para violino e orquestra.