A inesperada noticia O pasado domingo, 10 de maio de 2020, falecía en Salamanca o pai José López-Calo ( Nebra, A Coruña, 5/2/1922). Cumprira 98 anos e nada facía presaxiar a súa morte. De feito, sendo visitado de oficio ás 7 da mañá polo servizo sanitario da residencia dos xesuítas onde vivía, non se rexistrou ningunha incidencia e saudou á enfermeira con normalidade, como me contou María Teresa, irmá do falecido; pero só media hora máis tarde a situación dera un envorco: atopárono mal e xa nada se puido facer. Dou desde aquí o meu máis sentido pésame á súa familia, amigos, colegas, académicos, irmáns de Orde e, moi especialmente, á súa irmá María Teresa, persoa imprescindible coa que formaba un tándem de asombrosa eficiencia á hora de traballar nos arquivos catedralicios que tan a fondo coñecía.