Proxectos
Search
Close this search box.

O fondo do compositor Andrés Gaos doado á Universidade de Santiago

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, informou hoxe en conferencia de prensa da doazón do fondo documental do compositor e director de orquestra Andrés Gaos, considerado como o maior representante da escola española de violín.

Así, tras a cesión do material por parte da familia do músico, a Biblioteca América da universidade compostelá albergará o conxunto de partituras, recortes de prensa, material fotográfico, discursos, e dous dos violíns utilizados polo compositor galego, para proceder ao seu estudo e divulgación, unha análise que culminará coa publicación dunha obra monográfica sobre Andrés Gaos.

Durante o acto de presentación, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, acompañado pola directora da Biblioteca Xeral, Isabel Casal e o profesor da Facultade de Historia e Xeografía Carlos Villanueva, destacou que esta doazón representa “un agasallo de incalculable valor” para a institución, un donativo que ademais reafirma á USC como “depositaria da cultura en todas as súas dimensións”

Tras repasar a traxectoria profesional do compositor nado na Coruña, entre os elementos doados, Viaño puxo en valor a presenza de dúas dos violíns utilizados por Gaos durante a súa vida, cualificando a estes instrumentos como “verdadeiras xoias” que, agregados ao restante material, “conforman un anaco importante da cultura do país”.

Así mesmo, o reitor aseverou que a USC se comprometerá a “resarcir a débeda histórica” que posúe a sociedade co músico galego, pois ata hai só unhas décadas o seu talento era un gran descoñecido.

Desta forma, o equipo de investigación da universidade compostelá implementará unha serie de actividades durante os próximos meses co obxectivo de “difundir” o seu legado, un traballo, que culminará en 2019 coa publicación dunha monografía, a difusión dun concerto con parte do seu repertorio, ademais da realización dun seminario internacional sobre a obra do autor.