Numerosos obxectos e materiais contidos no Fondo Gaos doado recentemente pola familia Gaos Guillochón á Universidade de Santiago de Compostela expóñense no Colexio de Fonseca ata o 31 de maio para dar conta das múltiples e diversas facetas como intérprete, compositor, docente e director de Andrés Gaos, un dos grandes compositores galegos do século pasado.
A exposición O Universo Musical de Andrés Gaos (1874-1959) que comisarían os profesores da USC Montserrat Capelán e Javier Garbayo inaugurouse este martes nun acto oficial que presidiu a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e no que tamén interviñeron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo Suárez; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretty Sanmartín Rei.
Estruturada en seccións temáticas que mostran as súas relacións familiares, o seu tempo, a súa faceta como intérprete, compositor e director ou a súa relación con Arxentina e con Galicia, na mostra expóñense tamén os violíns que se conservan de Gaos, dous deles procedentes do fondo da USC -un dos cales sonou este luns no Consello da Cultura Galega en rigorosa estrea tras a súa restauración- e outros dous do Concello da Coruña. Xunto a eles, arcos e obxectos de diferente tipo referentes aos instrumentos, programas, cartas, fotografías, críticas, partituras e documentación persoal, así como diferente material audiovisual.
Andrés Gaos
Andrés Gaos Berea naceu na Coruña o 21 de marzo de 1874, onde o seu tío e padriño, Canuto Berea Rodríguez, rexentaba un prestixioso almacén de música que forneceu durante moitos anos instrumentos, materiais e partituras a toda Galicia, chegando a abrir sucursais noutras capitais. Precisamente a familia Gaos trasládase a Vigo en 1880 para facerse cargo da nova sucursal.
Formado o pequeno Andrés musicalmente en Vigo e na Coruña, acabará trasladándose a cursar estudos superiores de violín a Madrid e a Bruxelas con bolsas da Deputación da Coruña. Tras xiras por toda Europa e América, onde contrae matrimonio coa gran violinista América Montenegro, acabará asentándose en Bos Aires desde onde, ademais da súa dedicación como docente, realizará xiras internacionais con notable éxito. Tras breves etapas residindo en Francia, e logo do seu segundo matrimonio con Luisa Guillochón, acabará instalándose definitivamente na capital bonaerense.
A vida musical de Andrés Gaos repártese entre a actividade de concertista, a compositiva e a docente, chegando a ser considerado como un dos representantes de maior prestixio da escola nacionalista arxentina, xunto con Alberto Williams, López Buchardo ou Julián Aguirre, entre outros, ata o punto de ser elixido para representar a Arxentina, como director de repertorio, na Exposición Internacional de París de 1937.
O catálogo musical de Gaos
O seu catálogo, con máis de 70 obras, abrangue música para a escena, orquestral, música de cámara co violín como protagonista, para canto e piano, así como unha interesante serie de composicións para piano só, instrumento que chegou a tocar con gran perfección. Andrés Gaos é, sen dúbida, un dos grandes compositores galegos do pasado século cun tratamento pos-romántico de temas propios ou tomados da música popular galega, española ou arxentina; ou ben con ecos de autores da escola francesa de fins do XIX, destacando a súa gran habilidade para reflectir unha “patria” como homenaxe aos países onde viviu e traballou.
Os obxectos orixinais, a maioría inéditos, que se expoñen na mostra proceden do Fondo Andrés Gaos da Biblioteca América da USC, da Bibliotecas Nacionais de Portugal e de España, do Real Conservatorio de Madrid, do Concello da Coruña e da Biblioteca de Estudos Locais da Biblioteca Provincial da Coruña.
A exposición é unha produción da USC e do seu grupo de investigación Organistrum co apoio do Goberno de España e da UE e que conta co patrocinio de Afundación (Obra Social de Abanca), Concello da Coruña, Consello da Cultura Galega, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. Colaboran ademais Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, Concello de Santiago CRTVG, Real Filharmonía de Galicia-Consorcio de Santiago e Orquestra Sinfónica de Galicia.