Proxectos
Search
Close this search box.

Perspectivas atlánticas na transculturación musical do século XX

PERSPECTIVAS ATLÁNTICAS NA TRANSCULTURACIÓN MUSICAL DO SÉCULO XX. Conmemoración do centenario do nacemento do compositor galego-arxentino Carlos López García-Picos (1922-2009), martes, 22 de febreiro de 2022, ás 16:15 horas, na sede do Consello da Cultura Galega. Organiza a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais (CCG).

A realidade migratoria de Galicia durante o século XX trae consigo unha riqueza na transculturación da que o ámbito musical non é alleo. Nesta xornada, realizada co gallo do centenario do nacemento do compositor galego-arxentino Carlos López García-Picos, abordarase dende distintos enfoques o tema de música e emigración, co océano Atlántico como nexo comunicativo.

O compositor betanceiro integrouse plenamente na vangarda musical arxentina e aparece paralelamente como referente do galeguismo bonaerense. Igual ca moitos outros creadores musicais migrantes, transitou na ubicua disxuntiva de tradicionalismo ou vangarda. Polo tanto, temas colaterais como o asociacionismo migratorio, os coros, o asociacionismo musical, a nostalxia da terra abandonada ou os retornos a Galicia percorrerán os contidos desta xornada.

A primeira parte correspóndese cunha contextualización xeral dos músicos galegos na emigración americana a cargo do catedrático de Música da USC Carlos Villanueva. E continúa cunha conversa a tres entre María Fouz Moreno, María del Carmen Lorenzo Vizcaíno e Javier Ares Espiño, na que a confrontación das figuras de Isidro Maiztegui e Carlos López García-Picos porá o foco no galeguismo musical bonaerense.

Co obxectivo de visibilizar o patrimonio cultural galego no eido musical articúlase a segunda parte desta xornada, que está destinada á presentación da publicación editada polo Consello da Cultura Galega Obra para violín e violonchelo de Carlos López García-Picos. Este conxunto de repertorio para corda forma un corpus singular no ámbito da creación musical de compositores galegos de mediados do século XX e contou coa coidadosa transcrición de Joám Trillo. O peche musical realizarase coa interpretación de dúas obras contidas na citada publicación e que conectan a figura do creador betanceiro con algún dos seus coetáneos na quinta provincia galega, como o son os dous persoeiros aos que dedica as composicións: Eduardo Blanco Amor e con Isaac Díaz Pardo.