Search
Close this search box.

Presencia de Organistrum nun congreso sobre tópicos musicais

Varias persoas vinculadas ao Grupo Organistrum participaron no II Congreso Internacional “Tópicos e música hispana (séculos XVIII-XXI): topoi, retórica e narratividade”, celebrado entre o 28 e 30 de maio de 2025 na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense de Madrid.

No evento, organizado por docentes da devandita institución e a Universidade de Valladolid, Laura Touriñán Morandeira moderou a mesa “Espazos de identidade e alteridade”. Aquí, Javier Gándara Feijóo pronunciou unha comunicación titulada “A ambos lados do océano: a caracterización musical da galeguidade no século XVIII”, centrándose na melodía recurrente do “tantarantán” e a súa asociación á poboación do noroeste peninsular ibérico durante a Idade Moderna. Gándara mostrou ademais que este elemento sonoro chegou a acadar a categoría oficiosa de himno de Galicia a comezos do XX en Portugal. Igualmente, asistiu a este congreso madrileño Roberto Noche García, que se atopa desenvolvendo a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela sobre gravacións e interpretación musical. Os tres días do evento resultaron frutíferos, escoitando e debatendo traballos de investigadores tanto nacionais como estranxeiros no ámbito da análise musical.