Proxectos
Search
Close this search box.

Andrés Gaos Berea

Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874 – Mar de Prata, 1959) foi un importante violinista, compositor, director de orquestra e pedagogo que naceu na Coruña e que viviu boa parte da súa vida en Arxentina, país no que faleceu.

Cando contaba con poucos meses, a súa familia trasládase á cidade de Vigo, onde o seu pai establecerá unha sucursal da tenda de música Canuto Berea, tío materno do neno. Dende moi pequeno, Gaos pasará longas horas neste establecemento, sendo o encargado de tocar o repertorio que os clientes querían comprar e estudando violín e piano, instrumento que tamén chegará a tocar con gran solvencia.

Considerado pola prensa como un neno prodixio, as críticas dos seus concertos vólvense habituais na prensa galega xa desde 1883, cando presenta o seu primeiro concerto na cidade de Vigo. A partir de entón séguense presentacións na Coruña, Ferrol e Vigo e son tan memorables que ata a prensa da Habana apúntaos nalgunha ocasión en que a súa actuación válelle un premio extraordinario.

Aos doce anos é bolseiro pola Deputación da Coruña para realizar estudos no Conservatorio de Madrid, co famoso violinista Jesús de Mosteiro e posteriormente pasa a perfeccionarse en París e Bruxelas, onde tamén estudará composición e será alumno de Eugène Ysaÿe, coñecido como “o rei do violín”.

Con apenas 20 anos, fará a súa primeira xira por América, para terminar instalándose finalmente en Arxentina en 1895. Neste país desenvolverá unha importante actividade educativa (chegou a crear o seu propio conservatorio en 1904), interpretativa (como solista e co seu cuarteto), como director de orquestra (entre outras cousas foi o director da orquestra que representou a Arxentina na exposición de París de 1937) e compositiva.

Aínda que a súa cidade de residencia será Bos Aires, realiza xiras constantes por diferentes países americanos (Estados Unidos, Cuba, Montevideo, México, nalgunhas das cales participa con Saint-Säens) e europeos (Francia, Bélxica, Portugal, Italia, Rusia). Tanto a prensa estranxeira como a española considérano o maior representante da escola española de violín e chámano habitualmente o “Sarasate do porvir”. De especial importancia é a “tournée” que realiza por Europa entre 1925 e 1932 e na que actúa en boa parte de España, do que se deixa constancia na prensa de máis de 20 cidades. Caben destacar as boas críticas que recibe de músicos tan importantes como Joaquín Turina ou as do propio Adolfo Salazar quen, dende a súa columna de El Sol encomia a Gaos non xa coma intérprete, senón sobre todo pola súa actividade compositiva da que sinala que é de “altos voos e interese… especialmente a sonata para piano e violín”.

A súa obra compositiva é ampla. Con máis de 70 títulos inclúe repertorio escénico, orquestral, pianístico, para violín, para violoncello e para voz e piano. Ademais do repertorio arxentino, como o seu Tango ou a súa Danza argentina, compuxo un importante repertorio de temática galega como a súa Muiñeira, Aires gallegos, Rosa de Abril (baseada nun poema de Rosalía de Castro) e a súa famosa Sinfonía nº 2, coñecida tamén como Suite Galaica ou En las Montañas de Galicia e coa que gañou o premio da Irmandade Galega de Buenos Aires en 1953, o que lle valeu ser considerado un dos máximos representantes da música galega.

A pesar da importancia que tivo Andrés Gaos, cara á metade do século XX, converteuse nun verdadeiro descoñecido en Galicia. A súa recuperación debémoslla, en gran parte, ao director da banda coruñesa, o mestre Rodrigo Santiago quen se encargou de rescatar e interpretar gran parte da súa obra, ao investigador e músico Ramiro Cartelle, quen non só fundou a Asociación Musical Andrés Gaos, senón que tamén foi o artífice de que se doase parte do arquivo do músico, así como dous dos seus violíns, á cidade da Coruña. Pola súa banda Joám Trillo, rescatou e editou (Agadic-Dous Acordes) parte da súa obra, algunha da cal foi interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez. Todo este labor, con todo, non sería posible sen as dilixencias e bo facer de Andrés Gaos, fillo, quen dedicou boa parte da súa vida para poñer en valor a memoria do seu pai e a colleitar toda a documentación posible sobre a obra e a biografía do mesmo. O seu desexo foi que todo ese Fondo, que conservou, colleitou e organizou ao longo de toda a súa vida, estea agora na Universidade de Santiago de Compostela, para a súa custodia e difusión.

Montserrat Capelán Fernández

Visita virtual á exposición “O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959)”, patrocinada por Obra Social ABanca e que tivo lugar entre outubro y decembro de 2019 na Sede AFundación da A Coruña