Jesús Bal y Gay (1905-1993) naceu en Lugo, cidade con gran ambiente cultural ao redor de pintores e literatos do círculo de Ronsel, que se convertería en revista punteira de cultura con notable proxección nacional. Aí empezou Bal a colaborar con notas de música e críticas de arte ata o seu traslado a Madrid en 1924 para estudar “algunha enxeñería”. A súa vida, con todo orientouse cara ás humanidades e cara á música, apoiado desde a Residencia de Estudantes por Jiménez Frau, Ortega, Juan Ramón Jiménez e outros intelectuais. O seu labor en prensa, concretamente no terreo da música fíxose presente e notable. Desta época é a súa monografía Hacia el ballet gallego (ed. Ronsel) onde se empeza a cuestionar a necesidade de abrir a estética galega cara á vangarda e as novas propostas europeas. En Madrid relaciónase co Grupo dos 8 e convértese en factotum cultural da Residencia de Estudantes, o que lle permite coñecer a Strawinski, Poulenc, Ravel e Falla, entre outros. Contrae matrimonio, precisamente, cunha discípula de Falla, Rosa García Ascot. Dedicado á recompilación de música popular e antiga no Centro de Estudos Históricos de Madrid, trasládase a Cambridge en 1935 como lector de literatura española; de alí pasará directamente a México onde residirá ata a súa xubilación, en 1965; regresando a Madrid ata a súa morte. A vida mexicana, no grupo de Carlos Chávez, en Radio Universitaria, director de investigación do INBA e como crítico de El Universal, será moi fecunda, sen abandonar a composición: estreando obra nos ciclos de Lunes Musicales ou coa Sinfónica de México. Consérvanse varias monografías súas e centos de artigos de prensa, así como unha biografía sobre Falla que nunca chegaría a publicar. A pesar dos méritos acumulados e os amigos españois que trataron de mover a súa obra, nunca logrou reintegrarse na vida cultural española.
A Residencia de Estudantes, a Universidade de Santiago e a Deputación de Lugo dedicoulle unha notable exposición con catálogo en 2005; a súa obra musical gravouse recentemente e na actualidade os seus escritos e o seu pensamento son eixo temático de moitos estudos sobre o desencontro e revisión de tradición e vangarda, ou sobre a recompilación e metodoloxía da música de tradición oral.
Carlos Villanueva Abelairas