Proxectos
Search
Close this search box.

Juan Montes

Juan Montes Capón (Lugo 1840-1899) constitúe, con Pascual Veiga e José Castro “Chané”, a gran triada musical do Rexurdimento galego, sendo, sen dúbida, sen apenas saír da súa cidade natal, o máis recoñecido do gran relato que se escribe dentro e fóra de Galicia: como o gran “bardo”-que diría o P. Villalba-, capaz de reconciliar na súa obra a perfecta síntese da Galicia esencial que a súa obra acabou representando, tanto para a Galicia interior como exterior; tanto no marco galeguista do primeiro rexionalismo como no ideario nacionalista das Irmandades. Este ideal que, no seu caso, traduciuse nun repertorio limitado en pasados estudos a arranxos orfeónicos, á música para banda e á música sacra escrita para a catedral de Lugo, vese enriquecido cun amplo mostrario de música de salón para piano e para voz e piano que practicamente (salvo as 6 baladas) éranos descoñecido ata hai pouco A recente edición de Joám Trillo (Dos acordes, 2016) de repertorio para piano só (que se verá completada coa de piano a 4 mans e piano e armonio, en prensa), promovida por noso equipo I+D+i, reforza a nova idea da riqueza de Montes como compositor en diversas frontes, o salón en primeiro lugar, o cal se corrobora coa súa propia biografía de docente: pianista en salóns de recreo, en cafés-concerto, con ese repertorio transcultural que se tratou de esconder para dar máis cabida e eco a uns Montes máis transcendental e supostamente “galego”.

Formado musicalmente no Seminario de Lugo, alternou unha docencia regrada polos músicos da catedral e do seminario (canto gregoriano, composición, dirección coral, etc.) coa do seu mestre Isidoro Branco, gran organista e pianista de salón, nunha época (a segunda metade do XIX) onde era posible, e ata necesario para poder subsistir, compatibilizar a actividade na capela de música con outras actividades fóra da igrexa. Sen chegar a ordenarse, inicia a súa carreira musical tocando o piano na o Casino e no Círculo das Artes, fundando orfeóns e rondallas, reorganizando a Banda Municipal, formando grupos de cámara, tocando no foso do teatro, ou dando clases particulares; e presentándose (e gañando) a moitos concursos -como director e como compositor-,sendo, en suma, o factotum da cidade da muralla e pronto o gran representante de Galicia mercé a títulos tan senlleiros e fermosos como Negra sombra, Lonxe dá terriña ou Doce Sono, entre outras, sobre textos dos grandes da poesía galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Salvador Golpe e outros; un modelo de adaptación do culto e o popular. Quizá porque Montes tamén recompilou un amplo cancionero recolleito por el mesmo en toda a provincia e dado a coñecer polo seu sobriño político Indalecio Varela Lenzano.

Fronte á mobilidade e procura de novos horizontes dos seus compañeiros de triada (Veiga acabou como profesor no Conservatorio de Madrid; “Chané” dirixindo a música no Centor Galego da Habana), Juan Montes escondeuse cada vez máis no seu círculo de amigos, de discípulos, da súa familia, ou no seu faladoiro de café; e acabou deixando calquera actividade competitiva que supuxese saír da súa muralla, onde, á súa morte, o Concello acabou poñendo un busto fronte á súa casa, na actual Praza de Santo Domingo, actualmente no barrio de San Roque. Quizá para que ninguén botase de menos os paseos e os saúdos do gran músico lucense.

Carlos Villanueva Abelairas