Manuel Quiroga Losada, violinista e compositor (Pontevedra, 1892-1961) foi unha das figuras fundamentais do violinismo galego do primeiro terzo do século XX. Tras unha inicial formación violínistica na súa cidade natal, segue as directrices da escola franco/belga -a través dos ensinos de José del Hierro (Madrid, 1905-1909) e Edouard Nadaud (París, 1909-1911)-, acadando o Primeiro Premio de Violín no Conservatorio Nacional de Musica e Declamación de París en 1911. A súa actividade profesional desenvólvese por Europa e América ata que un accidente ocorrido en 1937 e a enfermidade obrígano a abandonar os escenarios en 1938.
Quiroga compón, exclusivamente, música instrumental. Música escrita para o seu propio instrumento que, como gran virtuoso que é, presenta as dificultades técnicas propias do violín. O seu Catálogo de obras comprende 41 composicións que clasificaremos en: cantos, danzas, himnos, caprichos, estudos, cadencias de concerto, arranxos, adaptacións, transcricións, variacións, e un concerto para violín. Entre as súas composicións máis coñecidas citaremos: Alborada, Canto Amoroso, Emigrantes Celtas, 1ª Habanera, Rondalla, 2ª Guajira e Concerto en Estilo Antico.
Ademais das súas facetas como intérprete e compositor, Quiroga destaca por uns especiais dotes para a pintura, o debuxo e a caricatura como así o acreditan os numerosos testemuños plásticos que deixou.
Triunfador nas principais salas de concerto, será obxecto de numerosos recoñecementos en Galicia, onde chega a considerarse un referente identitario da”Raza”, apoiado por as Irmandades da Fala, Villar Ponte, Eladio Rodríguez González, Valle-Inclán, Murguía ou Castelao .
Entre os numerosos nomeamentos e títulos que recibe destacaremos: “Cabaleiro da Lexión de Honra” de Francia (1931), “Encomenda de Alfonso X o Sabio” (1948) e “Académico de Honra da Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario” de A Coruña (1960).
Como principal representante do violinismo galego, é necesaria a recuperación definitiva da súa figura dentro do panorama da música.
Carlos M. Cambeiro Alís