Proxectos
Search
Close this search box.

Marcial del Adalid

Marcial Francisco Juan Bartolomé del Adalid y Gurrea (Coruña, 24/08/1826- Lóngora-Oleiros, 16/10/1881) é un compositor galego do século XIX, nacido no seo dunha familia de comerciantes, caracterizada por mostrar un gran interese pola cultura e, en concreto, pola música. Crece nun ambiente que facilita e potencia o estudo e coñecemento da música como parte da cultura.

A súa familia, de orixes rioxanas, asentouse na Coruña, chegando a situarse como unha das sagas familiares empresariais máis importantes do período de industrialización en Galicia. Tiveron varios negocios, sendo o máis destacado de todos, unha industria de vidro.

Sábese que este compositor iniciou os seus estudos musicais a moi temperá idade; recibiu clases de solfexo e de piano con Antonio Martí. Tivo acceso desde a súa infancia á obra de músicos pioneiros europeos (Beethoven, Weber, Rossini, Moscheles, Schubert, Chopin, Bellini, Donizetti, Schumann, etc). En 1840 foi enviado a Londres polo seu pai para dar clase con Ignaz Moscheles, mestre, á súa vez, do seu curmán Marcial de Torres Adalid; permanecería estudando con el nesta cidade un período de catro anos, ata 1844. Marcial do Adalid vese obrigado polo seu pai para cesar os seus estudos no estranxeiro e a regresar Coruña por mor da crise económica da empresa familiar (esta situación de precaria actividade económica tería como consecuencia a disolución da fábrica de vidro de forma repentina en 1845).

En 1860, contrae matrimonio con Francisca González Garrido García, Fanny Garrido, dezasete anos máis novo que el. Deste matrimonio nacería unha única filla, María das Dores do Adalid.

Adalid e Fanny crearon un ambiente propicio para a reunión dos máis importantes intelectuais da época mediante reunións e concertos na súa vivenda familiar, o Pazo de Lóngora, en Oleiros (Coruña). Entre as personalidades que por alí pasaron, cabe destacar a presenza de Emilia Pardo Bazán (1851-1921), Alejandro Pérez Lugín (1870-1926), Sofía Casanova (1862-1958) e Canoto Berea Rodríguez (1836-1891).

Cabe destacar que en 1869, realizou unha viaxe a París, acompañado da súa esposa e do seu amigo Juan Guelbenzu; esta viaxe é importante para a carreira compositiva de Marcial do Adalid, porque a partir de entón xurdirá a súa relación con diversas editoriais estranxeiras, principalmente parisienses.

Marcial do Adalid falece de cancro o 16 de outubro de 1881 no Pazo de Lóngora, en Oleiros, aos 54 anos de idade. Tras a morte de Adalid, Fanny Garrido contrae un segundo matrimonio co científico lucense José Rodríguez Mourelo, 11 anos máis novo que ela, con quen pasou longas tempadas en Madrid.

Laura Touriñán Morandeira