A investigadora Nelly Iglesias Ríos acaba de analizar na súa tese de doutoramento titulada Eduardo Rodriguez-Losada Rebellón (1886-1973): vida y obra musical, a figura do autor da ópera en galego “O mariscal”. O compositor desenvolveu na cidade herculina unha importante labor como arquitecto e tamén como compositor, sendo unha das figuras máis relevantes do panorama musical galego da primeira metade do século XX.
O traballo de investigación xira en torno a tres eixes fundamentais: a súa biografía, que se concreta nun cronograma de datas relevantes; a investigación detallada das estreas das súas obras e as circunstancias que as rodearon; e por ultimo, un estudo pormenorizado do seu corpus musical, que concluíu coa elaboración dun exhaustivo catálogo da súa música.
Nelly Iglesias Ríos é profesora de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Formouse no Conservatorio Superior de Música da Coruña e no Conservatorio de Maastricht (Holanda) e compaxina a súa actividade como docente coa de investigadora no “Grupo organistrum” (GI-2025) e como concertista.
Tribunal e cualificación
Esta tese de doutoramento que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude foi dirixida polo profesor da área de Música do Dapartamento de Historia da Arte, Javier Garbayo. O tribunal que a xulgou estivo presidido por Emilio Casares Rodicio, catedrático Emérito da UCM e fundador do Instituto Complutense de Ciencias Musicales; actuando como secretario o catedrático de Música da USC, Carlos Villanueva, e como vogal o investigador e experto en temas relacionados coa literatura e a cultura galega, Emilio Xosé Ínsua.