Proxectos
Search
Close this search box.

Unha nova guía didáctica divulga a figura do músico galego Andrés Gaos

Esta mañá presentouse a undécima guía Coñecer. Santiago, cidade educadora, que leva por título O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959), elaborada por Zaira Caamaño e José Manuel Souto. A publicación pretende difundir a figura deste compositor e violinista, precisamente neste 2019 no que se celebra o Ano Gaos.

O concelleiro de Educación, Manuel Dios, presentou a nova guía, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo; o comisario da exposición na que se basea a publicación, Javier Garballo, e os autores, Zaira Caamaño e José Manuel Souto. Todos eles destacaron o carácter divulgativo desta guía e a súa contribución á posta en valor da figura de Andrés Gaos.

“Esta publicación vainos permitir difundir a figura de Andrés Gaos e coñecer moito mellor este personaxe destacado do panorama nacional e internacional”, afirmou Manuel Dios, quen tamén valorou o importante legado do músico, depositado dende 2017 na Biblioteca América da Universidade de Santiago.

A este legado referiuse igualmente Mar Lorenzo, quen salientou o “traballo colaborativo” no proxecto do Ano Gaos, que reúne tres aspectos básicos para unha institución como a USC: a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento. Ademais, felicitou aos autores da obra por ter realizado un “traballo magnífico”.

Pola súa parte, Javier Garbayo aludiu ao “entusiasmo” co que o Concello e a USC abordaron esta guía e tamén gabou o esforzo en tempo récord dos autores, ambos agradecidos por ter a oportunidade de ter realizado esta guía no marco das súas prácticas como estudantes do Grao de Historia.

Exposición
Esta guía didáctica xorde ao abeiro da exposición O universo musical de Andrés Gaos (1874-1959), que se abrirá mañá martes, ás 20:00 horas, no Pazo de Fonseca, onde permanecerá durante dous meses. Esta é unha mostra conformada fundamentalmente por pezas descoñecidas ata o momento procedentes do Fondo Andrés Gaos, doado á Biblioteca América polo fillo do músico, Andrés Gaos Guillochón.

Nos actos do Ano Gaos 2019 colaboran coa USC, Afundación, a Corporación de Radio Televisión de Galicia, os concellos da Coruña e Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.