A Universidade de Santiago de Compostela acolle do xoves 28 ao sábado 30 de abril o seminario ‘Os Sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo’, unha iniciativa organizada polo Grupo de Investigación Organistrum.
O evento, que se inaugura o día 20 ás 16.00 horas na Aula Magna da Facultade de Historia, reunirá persoas estudosas e artesás ligadas aos proxectos dos instrumentos do Pórtico da Gloria e Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago e do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, patrocinados no seu día pola Fundación Barrié e as deputacións de Ourense e Lugo.
Esa primeira xornada contará coas intervencións de Carlos Villanueva, Cristian Rault e Maricarmen Gómez Muntané. Ao remate das sesións expositivas, a partir das 20.30 horas, o grupo Malandança ofrecerá no Paraninfo un recital baixo a dirección de Francisco Luengo, cun programa dedicado ás Cantigas de Alfonso X.
A xornada do venres, 29 de abril principará ás 10 horas, na aula Magna da Facultade. Nela intervirán os luthieres Carlos Paniagua e Sverre Jensen e haberá tamén unha mesa redonda sobre a artesanía en Galicia que será moderada por Montserrat Capelán e na que tomarán parte Luciano Pérez, Manuel Brañas, Xermán Arias e Antonio Franco. Pola tarde, a partir das 17.30 horas, a conversa xirará arredor da nova luthería en España coa vista posta no Mestre Mateo e coa participación de Antoni Madueño, Pablo Carpinteiro, Christos Malamas e César Arias, moderados por Sverre Jensen. Esa mesma tarde, o Pazo de Fonseca, acollerá ás 20.00 horas a inauguración da exposición Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo, comisariada por Montserrat Capelán e Carlos Villanueva.
Xa o sábado, 30 de abril ás 11 horas, a última xornada do simposio incluirá a mesa redonda ‘Os artífices do vello proxecto do Pórtico 1990-91’ na que participarán Ch. Rault, S. Jensen, C. Paniagua, F. Luengo e C. Villanueva moderados por Javier Garbayo. Ás 13 horas, o mesmo espazo acollerá o concerto de clausura na voz e o salterio de Begoña Olavide
A entrada ao simposio é libre ata completar a capacidade das salas. Para maior información, pode visitarse a web propia do evento.