O pasado 10 de marzo de 2026 tivo lugar no Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) unha xornada titulada “A (im)pertinencia do silencio: restituír música esquecida en espazos domésticos”. O evento, promovido polo Grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) e o Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo), mostrou tres proxectos interrelacionados para recuperar desde as Humanidades Dixitais a sonoridade de espazos desaparecidos. A xornada incluíu, ademais, un recital no que se interpretaron algunhas partituras setecentistas alleas ao canon musical de Occidente. En definitiva, mostrouse a relevancia de escoitar (gardar silencio) para mitigar o doloroso mutismo que produce a amnesia cultural.
Quen se dedica á música coñece, mesmo sofre, a extremada fraxilidade desta. O carácter inmaterial que posúe faina valerse do tempo e, paralelamente, ser a súa vítima. Cantas pezas tocadas no pasado, xamais anotadas ou cuxas partituras quedaron gardadas nun caixón, caeron en tal esquecemento? Este é un silencio moi particular, agravado por múltiples factores: certa indeferencia de sociedades saturadas, unha suposta falta de tempo para escoitar (a pesar de que vivimos máis anos que nunca) e a aínda preponderancia do canon musical centroeuropeo que se repite continuamente. A mencionada xornada pretendeu remar en sentido contrario. Así o expresaron os organizadores, Montserrat Capelán Fernández e Javier Gándara Feijóo (USC), que contaron cos doutorandos Sergio Rodríguez Gutiérrez e Efrén Soto López no comité de apoio técnico.
As comunicacións xiraron en torno a varios eixos. O primeiro gardou relación con seis duetos que José Castel publicara en París ca. 1774. Tras ser atopada unha copia manuscrita nun pazo galego, o conxunto das creacións foi recentemente gravado na residencia dos Barbosa Maciel (Viana do Castelo) por Pavel Amilcar, Mario Peris e Roberto Noche (CSM Vigo). Para iso, empregáronse violíns que o recoñecido compositor Andrés Gaos tiña en Bos Aires. O segundo labor implicou a reconstrución visual e sonora do salón madrileño que pertencera ao embaixador de Portugal cara ao ano 1785, tarefa realizada por Anxo Miján e Carlos Paz (CIAG). Manuel Álvarez (Useche360) tratou, pola súa banda, a utilización de IA para restituír a fachada festiva que a Feitoría Inglesa do Porto exhibiu con música no 1793. Todas estas contribucións, explicadas polas propias persoas que as levaron a cabo, permitiron contrarrestar con música e artes visuais o trafego dos tempos actuais.