O libro investiga a programación musical do Teatro Principal
O Teatro Principal acolleu esta tarde a presentación do libro Ópera e zarzuela en Santiago de Compostela. As tempadas líricas do Teatro Principal (1840-1914), escrito como tese doutoral por Mª del Carmen Lorenzo Vizcaíno. A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago con Andavira Editora, forma parte da Biblioteca Científica do Consorcio.
Ópera e zarzuela en Santiago de Compostela
As tempadas líricas do Teatro Principal (1840-1914) é o resultado do traballo de investigación de Mª del Carmen Lorenzo baixo a dirección de Carlos Villanueva, músico e musicólogo experto en música medieval, que foi presentado no 2019. A autora centra o seu traballo nas óperas e zarzuelas, que xunto cos concertos sinfónicos e camerísticos ocuparon a maior parte da programación do teatro. Pero tamén sinala que estes non eran o único tipo de espectáculos que acollía o Teatro Principal a finais do século XIX e principios do século XX: “Neste teatro había outro tipo de funcións. Había outro tipo de músicas, ademais de óperas e zarzuelas. As corais eran moi típicas nesa época, había xogos florais, veladas literarias acompañadas con música, concertos de cámara, de pequenas orquestras”.