Proxectos

Acto de conmemoración do centenario do nacemento do compositor galego-argentino Carlos López García-Picos (1922-2009) no CCG

O pasado martes 22 de febrero, a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega organizou unha Xornada na sede de desta institución en Santiago de Compostela, titulada “PERSPECTIVAS ATLÁNTICAS NA TRANSCULTURACIÓN MUSICAL DO SÉCULO XX. Conmemoración do centenario do nacemento do compositor galego-arxentino Carlos López García-Picos (1922-2009)”.

A realidade migratoria de Galicia durante o século XX trae consigo unha riqueza na transculturación da que o ámbito musical non é alleo. Nesta xornada, realizada co gallo do centenario do nacemento do compositor galego-arxentino Carlos López García-Picos, abordarase dende distintos enfoques o tema de música e emigración, co océano Atlántico como nexo comunicativo.

O compositor betanceiro integrouse plenamente na vangarda musical arxentina e aparece paralelamente como referente do galeguismo bonaerense. Igual ca moitos outros creadores musicais migrantes, transitou na ubicua disxuntiva de tradicionalismo ou vangarda. Polo tanto, temas colaterais como o asociacionismo migratorio, os coros, o asociacionismo musical, a nostalxia da terra abandonada ou os retornos a Galicia percorrerán os contidos desta xornada.

A primeira parte correspóndese cunha contextualización xeral dos músicos galegos na emigración americana a cargo do catedrático de Música da USC Carlos Villanueva. E continúa cunha conversa a tres entre María Fouz Moreno, María del Carmen Lorenzo Vizcaíno e Javier Ares Espiño, na que a confrontación das figuras de Isidro Maiztegui e Carlos López García-Picos porá o foco no galeguismo musical bonaerense.

Co obxectivo de visibilizar o patrimonio cultural galego no eido musical articúlase a segunda parte desta xornada, que está destinada á presentación da publicación editada polo Consello da Cultura Galega Obra para violín e violonchelo de Carlos López García-Picos. Este conxunto de repertorio para corda forma un corpus singular no ámbito da creación musical de compositores galegos de mediados do século XX e contou coa coidadosa transcrición de Joám Trillo. O peche musical realizarase coa interpretación de dúas obras contidas na citada publicación e que conectan a figura do creador betanceiro con algún dos seus coetáneos na quinta provincia galega, como o son os dous persoeiros aos que dedica as composicións: Eduardo Blanco Amor e con Isaac Díaz Pardo.

Retransmisión do evento

NOTICIAS RELACIONADAS CO ACTO

El Correo Gallego: Carlos López García-Picos: “Perspectivas Atlánticas na Transculturación Musical do Século XX”, en el Consello da Cultura Galega. LER MÁIS…

La Voz de Galicia: O Consello da Cultura publica partituras inéditas de Carlos López García-Picos. LER MÁIS… 

Galicia en el Mundo: El Consello da Cultura Galega ahonda en la relación entre música y emigración a través de la figura de García-Picos. LER MÁIS…