Proxectos

Conferencia “Andrés Gaos (1874-1959): o profesor e o compositor” (21/03/2019, 19h, Conservatorio Profesional de Música de Santiago)

Dentro das diferentes actividades do “Ano Gaos 2019” con motivo dos 60 anos do falecemento de Andrés Gaos, o día 21 de marzo os profesores Joám Trillo e Montserrat Capelán ditarán a Conferencia “ Andrés Gaos (1874-1959): o profesor e compositor” na Biblioteca do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela ás 19.00 horas. O violinista, compositor, director e pedagogo galego Andrés Gaos Berea naceu un 21 de marzo de 1874 na Coruña. Iniciará os seus estudos de violín en Galicia para continualos posteriormente en Madrid e perfeccionalos en Bruxelas. Despois de diferentes xiras por Europa e América instalarase en Arxentina en 1895 país no que vivirá – con excepción de breves tempadas – ata o seu falecemento en 1959. En Buenos Aires chegará a crear dous Conservatorios así como a ser mestre noutros importantes centros da capital arxentina e tamén, durante breves períodos, en Montevideo. Como compositor ten máis de 70 obras no seu catálogo: sinfónicas, para piano, para voz e piano, para violín e piano, para cello e piano, para violín e orquestra e escénicas. Foi alumno de François Gevaert en Bruxelas con 17 anos, época á que pertencen as súas primeiras obras seguindo compoñendo ata o final dos seus días en 1959.