Proxectos

O «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega incorpora unha biografía dedicada a Antonio Iglesias Vilarelle, investigación a cargo de José Antonio Cantal Mariño

Un espírito enxebre, afervoado servidor de Galicia en diferentes eidos

Antonio Iglesias Vilarelle naceu en Santiago de Compostela o 17 de xaneiro de 1891, nunha zona coñecida como Campo do Inferniño, e foi bautizado na igrexa de Santa Susana. En novembro de 1893, a familia trasladouse a Pontevedra, xa que o seu pai tomou posesión alí do cargo de oficial da sala da Audiencia provincial. Medrou nun fogar de fonda relixiosidade xunto aos seus pais e cinco irmás. Realizou os estudos básicos de 1901 a 1907 no colexio San Luís Gonzaga e no instituto, etapa na que coincide con Sánchez Cantón ou Blanco Porto. Ao remate, volveu á súa cidade natal para emprender estudos universitarios de Dereito. Alí permaneceu de 1908 a 1910, ano en que interrompeu a estadía para desprazarse a Madrid co fin de ocupar un posto de aspirante a Oficial de primeira clase na Tesouraría de Facenda.