Proxectos

Joám Trillo Pérez

Recibe formación musical no Seminario de Santiago de Compostela e con profesores Manuel Ansola e Angel Brage. Licenciado en Música Sacra pola Escuela Superior de Música Sacra de Madrid e en Canto Gregoriano e en Dirección Coral polo Pontificio Stituto dei Música de Roma, sendo discípulo de grandes mestres como Baratta, Bartolucci, Xigante, Renzi, Anglés, López-Calo e Cardine. É tamén licenciado en Composición Superior polo Conservatorio de Santa Cecilia de Roma, baixo a dirección de Renzi, onde asiste ás clases de dirección orquestral impartidas por Ferrara, Prade-lla e Belluggi.

Foi profesor de piano, harmonía, contrapunto e composición no Conservatorio de Música da Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela, cidade onde funda a Orquestra de Santiago e comeza un importante labor de recuperación e difusión do repertorio dos compositores galegos dos séculos XVIII, XIX e XX. Tamén exerceu a docencia no Conservatorio Superior de Música de Vigo, como titular de Harmonía e creando posteriormente a aula de Composición, onde foi ademais vicedirector.

No seu elenco conta cun importante catálogo de obras entre as que se inclúen algunhas de gran formato sinfónico e coral. Á súa faceta compositiva hai que sumar un labor investigador intenso, con varios libros e traballos publicados, ademais de diversas e im-portantes edicións sobre música de Melchor López, Buono Chiodi, Santiago Tafall, Juan José Castro ou Andrés Gaos entre outros autores galegos.

Desde a súa creación é director da colección Ars Gallæciæ Musicæ da Xunta de Galicia, dedicada a recuperar o repertorio de raíz galega, por medio das súas tres seccións Agra vella, dedicada aos compositores do pasado, Agra nova aos compositores actuais e Ávrego, á música para banda, contando na súa totalidade con máis de 30 títulos no seu catálogo.

Recentemente publicou con Carlos Villanueva, o primeiro volume da obra para piano do compositor lucense Juan Montes, con gran acollida de público e crítica.