Proxectos

Fanny Garrido, unha muller de carácter pioneiro. Resumo do acto conmemorativo do centenario do seu pasamento

Foi unha personalidade destacada da Galicia de finais do século XIX, pero o labor literario e social da académica correspondente Fanny Garrido é hoxe pouco coñecido. O acto que acolleu onte a Real Academia Galega co gallo do centenario do seu pasamento serviu para visibilizar distintas facetas da escritora e tradutora a través dunha conversa entre a xornalista Isabel Bugallal e a musicóloga Laura Touriñán, quen avanzou algunhas das achegas da tese de doutoramento que ultima, entre elas a da data exacta de nacemento de Fanny Garrido. O pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo encargáronse da parte musical interpretando os poemas da autora musicados por Marcial del Adalid.