Baixo o título A música dos desprazados atópase unha monografía escrita por Javier Gándara Feijóo, membro do Grupo Organistrum vinculado ao Instituto de Investigación en Humanidades (USC). Esta publicación, que editou aCentral Folque, foi presentada entre o 10 e 13 de xuño de 2026 en tres localizacións: o Pazo da Deputación (A Coruña), a Facultade de Xeografía e Historia (Santiago de Compostela) e a Casa dos Poetas (Celanova). Nos diferentes actos interviñeron, ademais do autor, o dramaturgo Quico Cadaval, a profesora Montserrat Capelán, os poetas Baldo Ramos e Alba Cid, a responsable de Cultura Natividad González e o editor Ramon Pinheiro.
O libro parte de dúas ideas oscilantes entre a realidade do século XVIII e a ficción inherente ás obras escénicas. A primeira: moitos elementos que caracterizan os galegos proveñen, en realidade, do teatro e a música creados hai máis de 250 anos fóra de Galicia (Madrid e Lisboa, sobre todo). A segunda é que tanto a colectividade galega como as persoas da farándula tiveron trazos en común, especialmente no relativo á condición compartida de desprazados. Cando se emprega tal palabra no título, faise nun dobre sentido, aludindo tanto a aqueles trasladados físicamente (migrantes) como ás persoas apartadas pola sociedade (marxinados).
A maiores, un certo compoñente persoal goza de espazo entre as 224 páxinas do volume, pois o autor estableceu pontes entre os estereotipos galegos do teatro musical setecentista e a vida real dos seus antepasados galaicos, humildes migrantes en Lisboa hai máis de cen anos. Consecuentemente, mentres pescudou de novo o século XVIII para o presente libro, mantivo un ollar atento ao XX, e cando deambulou nos últimos meses polas rúas lisboetas á procura de máis respostas académicas, localizou tamén os lugares onde os seus familiares viviron e traballaron (varias cartas e fotografías datadas entre 1902 e 1950 testemuñan non só direccións postais, senón tamén experiencias vitais). Esta publicación deriva dunha tese de doutoramento defendida no ano 2023. Con todo, o lector non verá aquí a disertación académica en si, senón unha completa reformulación da mesma, disposta agora como se dunha representación escénica se tratase (en dous actos con obertura, intermedio e finale, seguindo o índice). Preténdese chegar así a un amplo sector poboacional, mostrando un patrimonio musical que, ata agora, permaneceu paradóxicamente en silencio. Ademais, a monografía busca non só informar, senón tamén concienciar na importancia de atender a aqueles que si teñen voz, pero non son escoitados. Por iso, o traballo vai dedicado ás persoas que se sentiron fóra de lugar.